El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Lucas Ricoy
José Manuel López García
Bayardo Quinto Núñez
Más noticias

SANTIAGO

Ghaleb Jaber Ibrahim abre as Festas do Apóstolo cun pregón que homenaxea a Compostela da diversidade

22-07-2026 23:10:06
Ghaleb Jaber Ibrahim (d).

REDACCIÓN | Dende a balconada do Pazo de Raxoi, perante unha praza do Obradoiro onde se congregaran centos de persoas que viñeron gozar da apertura da gran festa compostelá, o pregoeiro rememorou a súa chegada a Santiago en 1970, como refuxiado, a un concello que “decidiu adoptarme” e onde se sentiu “tratado como un veciño antes mesmo de saber orientarme” polas súas rúas. 

O pregoeiro foi presentado no balcón pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, quen sinalou o carácter polifacético do pregoeiro, “unha persoa que vén do mundo dos negocios e salienta polo seu carácter humanista e a súa formación médica, alén do seu claro compromiso solidario coas reivindicacións do pobo palestino”. Para a alcaldesa, o de Ghaleb Jaber Ibrahim é un exemplo da capacidade de Santiago de Compostela de acoller veciñanza nacida en calquera lugar do mundo. 

Durante o discurso, alén da rexedora, Ghaleb Jaber Ibrahim estivo acompañado pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e os portavoces dos grupos municipais e das concelleiras Non Adscritas. Tamén estivo presente unha persoa intérprete de lingua de signos, o que permitiu a tradución simultánea das palabras do orador. Antes do inicio do discurso, o pregoeiro foi recibido no Pazo de Raxoi pola alcaldesa e a corporación local, e asinou no Libro de Honra de Santiago de Compostela. 

Ghaleb Jaber Ibrahim converteu o seu pregón nunha comunicación espontánea e íntima coa veciñanza, onde apelou ao pasado histórico e mítico de Santiago de Compostela e tamén ao presente dunha cidade de acollida onde unha identidade cidadá común achega e comprende as diversas orixes persoais de cada veciña e veciño. Así, o pregoeiro estableceu un paralelismo entre a súa travesía desde Palestina en 1970 e a viaxe do Apóstolo Santiago. Ghaleb Jaber Ibrahim aseverou que aquel estudante de Medicina que chegou de Palestina con apenas vinte anos atopou moito máis do que esperaba en Santiago: un lar. “Eu nacín en Palestina e iso non cambiará nunca, pero hai moitos anos que Compostela decidiu adoptarme e eu nunca lle puxen resistencia”, resumiu. 

O pregoeiro do Apóstolo 2026 tivo palabras moi especiais para unha riqueza de Compostela “que non aparece nas guías de viaxe” onde decote se recolle o patrimonio histórico: o patrimonio humano, “a xente”. 

Ghaleb Jaber Ibrahim repasou a súa traxectoria persoal e profesional nunha cidade onde durante as últimas décadas os seus proxectos empresariais e culturais deixaron unha fonda pegada. Médico de formación, o pregoeiro é tamén xornalista e fundador do emblemático Hotel Araguaney, da fundación homónima e da produtora CTV. 

Sobre esta dilatada traxectoria, o empresario reivindicou a dimensión social que acadou, amplamente recoñecida dentro e fóra de Santiago. Ghaleb Jaber Ibrahim situou na “vontade de contribuír” á súa cidade de acollida o desenvolvemento dunha Fundación que traballou por consolidar, durante máis de catro décadas, o papel de Santiago como espazo de encontro, diálogo e intercambio cultural, salientando a difusión da cultura e o mundo árabes na capital de Galicia. 

O pregoeiro non quixo esquecer nas súas palabras a realidade do pobo palestino, a súa patria de orixe, outorgándolle unha voz simbólica no Pazo de Raxoi e reivindicando a importancia de coñecer outras realidades e cuestionar os prexuízos e a indiferenza ante o sufrimento noutras partes do mundo. 

O discurso de apertura das Festas do Apóstolo 2026 incluíu unha reflexión sobre como Santiago de Compostela convida a veciñanza e as persoas que a visitan a vivir a vida doutro xeito, en tempos de inmediatez e aceleración. “Paga a pena perder o tempo en Santiago porque é a mellor maneira de gañalo”, considerou, pondo como exemplo “un café sen présa pola zona vella, un encontro casual cun amigo...”. 

“Grazas á cidade que me abriu as portas”, rematou o pregoeiro visiblemente emocionado, convidando a todas as persoas que o escoitaban na praza do Obradoiro a “gozar das Festas como só Santiago sabe facelo, coas rúas cheas, coa música soando ata ben entrada a madrugada, cos abrazos que sempre volven nestas datas”, desexando que “quen naceu aquí goce da súa cidade, e quen chegou de fóra se sinta na casa”. “Se algo aprendín nestes máis de cincuenta anos é que Compostela non se explica; vívese”, rematou.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias