El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Bayardo Quinto Núñez
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Raposa, Sofía Espiñeira e Abril, finalistas do Concurso Fran Pérez "Narf" de música

23-07-2026 11:34:21
O xurado.

REDACCIÓN | O xurado do Concurso Fran Pérez "Narf" para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña e fixo públicas as tres bandas finalistas: Raposa, Sofía Espiñeira e Abril. A proposta gañadora será elixida durante unha gala final que terá lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 24 de outubro. 

Formou parte do xurado como presidenta Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; ademais dos músicos Mercedes Peón e Ramón Bermejo (director do Coro da Ra e especialista vogal), os xornalistas Javier Becerra e Ana G. Liste, e a programadora Noemí Vázquez, responsable da Arca da Noe. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa de sección de Cultura e Deporte. 

O Concurso Fran Pérez “Narf" de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez “Narf". Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Belem Tajes, Caldo, Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros. Eis un pequeno resumo de cada banda finalista: 

.-  RAPOSA: a banda pontevedresa integrada por María Villanueva e Rubén Abad fai unha aposta que sobrevoa paisaxes batuxados por música clásica, jazz, músicas do mundo, canción protesta ou pop, nunha execución desbordante de matices e delicadeza. Deles o xurado destacou a súa “proposta musical exquisita, cuns arranxos impecables e unha voz delicada, fermosa e con dinámica”. 

.- SOFÍA ESPIÑEIRA: artista multidisciplinar, tamén actriz, acróbata e bailarina, esta cantora de Mugardos publicou o seu segundo disco, ‘Xeografías’, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos. Dela o xurado salientou que é “unha compositora inquieta e con personalidade e cun discurso propio e arranxos moi coidados”. 

.- ABRIL: Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran este proxecto no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidadísimo repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado definiunas como “dúo que recolle o legado dunha cosmovisión colectiva, cunhas composicións contemporáneas liderado por unha voz exquisitamente ornamentada”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias