El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

SOBRADO

O Concello de Sobrado presenta a programación do 25 aniversario da Feira da Troita

23-07-2026 17:54:54
Presentado a Feira da Troita.

REDACCIÓN | O alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, e o coordinador da organización da Feira da Troita, Víctor Cabanas, presentaron o cartel e a programación da XXV Feira da Troita, unha edición especialmente significativa ao cumprirse 25 anos consecutivos dunha celebración que se consolidou como a cita máis representativa do concello.  

Durante a presentación, o alcalde destacou a importancia desta efeméride e sinalou que “chegar ás vinte e cinco edicións consecutivas é motivo de orgullo para Sobrado. A Feira da Troita medrou mantendo a súa identidade e converténdose ano tras ano nunha celebración gastronómica que identifica ao noso concello. O noso compromiso é seguir impulsándoa e elaborando o mellor cartel posible”. 

Na presentación deuse a coñecer tamén o cartel anunciador desta edición, que mantén a imaxe que identifica a feira desde hai anos, coa ilustración de dous pescadores nunha lancha sobre a lagoa de Sobrado, ademais da característica combinación das cores laranxa e negra, convertida xa nun dos sinais de identidade desta celebración. 

A XXV Feira da Troita está organizada integramente polo Concello de Sobrado, subvencionada pola Deputación da Coruña e coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, Xacobeo 2027 e AGADIC.  


O sábado 8 abrirá a programación coa X Corretroita e o XX Festival Musical e Intercultural da Xuventude 

A programación comezará o sábado 8 de agosto coa décima edición da Corretroita, unha cita deportiva que contará con catro categorías: troitiña, sub 10 e sub 12, sub 14 e sub 16, e a absoluta. A carreira absoluta terá un percorrido circular de aproximadamente oito quilómetros polo casco urbano de Sobrado, pasando por espazos singulares como os xardíns do Mosteiro de Sobrado —habitualmente pechados ao público—, a antiga muralla monástica ou as rúas do centro da vila. Está aberta a inscrición para poder anotarse. 

Ao remate da proba, a Praza do Concello acollerá a actuación de The Cruze, cun concerto de versións pop rock. A partir das 22:30 horas, a programación trasladarase á explanada do pavillón polideportivo para celebrar o XX Festival Musical e Intercultural da Xuventude

Nesta edición, Nacha Pop e Los Rebeldes encabezarán o festival cun guiño ao pop e ao rock español das décadas dos oitenta e noventa. Dúas formacións históricas que marcaron unha época e que permitirán ao público revivir algúns dos grandes himnos da música española nun concerto gratuíto. O cartel completarase coa banda coruñesa de indie rock Alga e coa discoteca móbil Will.  


O domingo, día grande da Feira da Troita 

O domingo 9 de agosto concentrará os principais actos da XXV Feira da Troita. A actividade comezará ás 11:00 horas coa apertura dos postos de artesanía e gastronomía na Praza do Concello, onde se desenvolverá a maior parte da programación, xunto coa Vía Sacra. 

Nesta edición instalaranse arredor de quince postos, nos que predominarán os produtos gastronómicos locais, aínda que tamén haberá espazo para a artesanía. O público poderá atopar queixos, embutidos, aceites, xeados artesáns, artigos de coiro, pulseiras, camisetas e outros produtos. 

Ás 12:30 horas actuará a Agrupación Folklórica Guágaro de Tías, procedente de Lanzarote. Ás 13:30 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo de Bernardo Fernández Piñeiro, alcalde de Pontedeume, deputado provincial e portavoz do Grupo Socialista na Deputación da Coruña. 

A elección de Bernardo Fernández Piñeiro responde á estreita vinculación que mantén con Sobrado. A súa relación persoal coa comarca e as frecuentes visitas ao municipio, así como o aprezo que ten amosado pola vila, fixeron del a persoa elixida para inaugurar oficialmente unha edición tan especial como a do 25 aniversario. 

Tras o pregón celebrarase a sesión vermú coa orquestra Superstar, ante un dos momentos máis agardados da xornada: a degustación popular da tradicional troita á montañesa, elaborada con troita frita, pemento picante e liscos. 

O Concello habilitará arredor de 700 prazas entre mesas e cadeiras para esta degustación popular, na que tamén se servirá polbo. Ademais, os establecementos hostaleiros da vila volverán ofrecer troita á montañesa ao longo da xornada, ampliando así a oferta gastronómica arredor do produto que dá nome á feira.  

Pola tarde continuará a actividade coa zona de xogos instalada na Vía Sacra, que permanecerá aberta durante catro horas. A programación festiva da tarde seguirá da man de Señor Mágick DJ. Festicultores Troupe, presente ano tras ano na celebración, e Louband, tamén vello amigo da cita, protagonizarán un dos momentos máis concorridos da feira, coa Praza do Concello ateigada de público.  

Ás 22:00 horas será a quenda de Xascariz, formación de música tradicional galega que combina a esencia das nosas raíces con arranxos e sonoridades contemporáneas. 

A programación continuará ata a madrugada coa foliada da orquestra Superstar e coa sesión Non Stop de Señor Mágick DJ, que porán o peche á programación da XXV Feira da Troita.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias