REDACCIÓN | Pablo Pereira Montesdeoca proclamouse gañador da XXI edición do Premio Castelao de Banda Deseñada co proxecto titulado ‘A cerimonia do Limiar’, outorgado pola Deputación da Coruña na modalidade xeral. A resolución tomouse tras a valoración do xurado entre un total de 19 obras presentadas nesta convocatoria, destacando a altísima calidade visual da proposta gañadora.
O xurado puxo especial valor na calidade gráfica, no manexo da cor e no dominio da linguaxe audiovisual da obra gañadora. Así mesmo, salientou que se trata dunha reinterpretación moi interesante do horror rural galego cun uso da cor moi atinado para representar a fantasía e a maxia que envolve todo o relato.
A deputada de Cultura, Natividade González, felicitou ao autor e destacou o compromiso da institución provincial co sector, subliñando que “a obra de Pablo Pereira demostra o enorme talento e a madurez narrativa que posúe a banda deseñada na nosa terra, capaz de reinventar o xénero do horror rural desde unha perspectiva visualmente fascinante e orixinal. O Premio Castelao segue a ser un impulso imprescindible para fortalecer a nosa creación cultural e dar visibilidade ao traballo de grandes profesionais do sector”.
O órgano avaliador desta vixésima primeira edición estivo presidido pola propia deputada de Cultura, Natividade González, e contou coa participación de Bea Gregores, María Brenn e as persoas gañadoras da última edición do certame: Giovanna Lopalco, Elías Taño e Manuel Barreiro.
No transcurso da xornada de deliberación, o xurado examinou tamén as propostas remitidas para a modalidade Infantil e Xuvenil, acordando por unanimidade deixar deserta dita categoría por considerar que ningunha das obras presentadas acadaba a calidade suficiente para obter o galardón provincial.