REDACCIÓN | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe “un teito de gasto para 2027 que supera, por primeira vez, os 15.000 millóns de euros”. Unha medida que se enmarca nos pasos a seguir para aprobar en tempo e forma os orzamentos do vindeiro ano e que estean en vigor o 1 de xaneiro.
“En Galicia imos seguir a nosa propia senda de estabilidade e confianza e, para iso, é fundamental ter orzamentos cada ano”, explicou o presidente, quen salientou o obxectivo do Goberno autonómico de que “Galicia siga sendo un exemplo de xestión racional e confiable das contas propias”.
En concreto, o límite de gasto non financeiro da comunidade autónoma, aprobado hoxe, ascende a 15.022 millóns de euros, un 5,5 % máis que no presente exercicio. Tal e como explicou o presidente, Galicia disporá dun teito de gasto non financeiro que, por primeira vez desde a pandemia, conta só con recursos ordinarios, que permiten incrementar a capacidade de gasto en 782 millóns de euros e compensar deste xeito a caída dos fondos MRR, cuxa execución conclúe este ano, o que supón que non achegará recursos no ano seguinte.
Deste xeito, Galicia esgotará o ano que vén a súa capacidade de gasto legal e reducirá o endebedamento, co que mellora aínda máis a solvencia de Galicia. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, indicou que a xestión responsable que a Xunta fai dos recursos “permitirá encadear sete anos consecutivos de crecemento sostible”, o que facilitará que se siga creando emprego e que se rebaixe a taxa de paro ata o 7,7 % no 2027, o que roza cifras históricas.
Compromiso coas regras fiscais
Na presentación do teito de gasto para o vindeiro ano, o conselleiro salientou que o Goberno galego está comprometido coas regras fiscais. Corgos abundou na idea de que o Goberno está convencido de que a sostibilidade financeira é a mellor garantía de crecemento económico e duns servizos públicos de calidade. Nesta liña explicou que malia que o Goberno central tenta trasladar que as comunidades autónomas terían máis marxe de gasto se se aprobase a senda fiscal, que outorga un déficit do 0,1 %, ambos os obxectivos son incompatibles.
Corgos indicou que se as comunidades autónomas cumpriran o déficit que formulaba o Goberno, incumprirían a regra de gasto, segundo as explicacións da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airfef), que di que a regra de gasto aprobada polo Goberno central levaría as autonomías a un superávit do 0,6 %.
O conselleiro de Facenda lembrou o contexto de incertezas que se está a vivir neste momento, marcado pola errática política arancelaria dos Estados Unidos, a guerra en Oriente Medio e a inestabilidade política e financeira de España, e contrapuxo esta situación coa política financeira galega, que combina “prudencia fiscal”, capacidade transformadora e orientación estratéxica para achegar certezas e previsibilidade.
Cadro macroeconómico
Ademais da aprobación do teito de gasto, a Xunta actualiza con prudencia o seu cadro macroeconómico para este exercicio, cunha estimación de crecemento do PIB que permitirá encadear sete anos de crecemento sostible e unha caída da taxa de paro por debaixo do 8 %.
En canto ao crecemento da economía galega, o Goberno autonómico prevé un avance de dúas décimas, ata o 2,1 %. Para o 2027, a prudencia pola actual situación política e financeira internacional e nacional prevé un avance do PIB do 1,9 %, que podería mellorar.
Con relación á taxa de paro, a Xunta conseguiu estabilizala por debaixo do 10 % desde hai tres anos, e desde entón segue baixando ano a ano. En 2025 foi do 8,3 %, para este exercicio estímase que sexa do 8,1 % e, para o ano 2027, agárdase que caia ata o 7,7 %, o que supón rozar os mínimos históricos.
Todo isto faise cunha nova redución da ratio débeda/PIB, que para o ano 2027 se vai situar por debaixo do 13 % (ata o 12,6 %), co que se anticipa tres anos o obxectivo que recolle o Plan estratéxico de Galicia para o ano 2030, “cun mellor desempeño económico, crecendo e creando emprego”.
Prioridades
Con estas estimacións económicas, a Xunta garante un ano máis de estabilidade para lles dar resposta aos retos aos que se enfronta Galicia. As prioridades das Contas 2027, concluíu Miguel Corgos, “serán o reforzo dos servizos públicos, a modernización e dixitalización e pulo á innovación do noso sistema produtivo, a mellora do acceso á vivenda e garantir o mellor Xacobeo da historia”.
Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpre co establecido na Lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aproba o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior actualización. Así mesmo, a comunidade seguirá traballando para aprobar e para lle entregar ao Parlamento os orzamentos no mes de outubro.