El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE LUGO

Carmela López: "Para a Deputación, a Ribeira Sacra é Patrimonio Mundial e seguiremos traballando para que ese recoñecemento sexa tamén oficial"

27-07-2026 16:23:29
Foto de arquivo.

REDACCIÓN | A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, expresou hoxe o seu respecto pola decisión adoptada polo Comité do Patrimonio Mundial da Unesco de solicitar ao Estado español a revisión e reforzo do expediente da candidatura da Ribeira Sacra antes de volver sometela á súa consideración. Ao mesmo tempo, reafirmou con contundencia a posición da institución provincial: “a Ribeira Sacra reúne todos os valores que a fan merecedora de formar parte da Lista do Patrimonio Mundial e será o ano que vén cando o sexa oficialmente”. 

Para ela, a decisión do Comité non altera a esencia da candidatura nin diminúe o valor excepcional deste territorio, senón que marca unha nova etapa dun proceso que a Deputación seguirá apoiando con determinación, responsabilidade e lealdade institucional. “Para a Deputación de Lugo non hai ningunha dúbida. A Ribeira Sacra xa é Patrimonio Mundial polos seus valores. Falamos dunha das paisaxes culturais máis extraordinarias de Europa e dun territorio único no mundo, onde a natureza e o ser humano construíron ao longo de máis de mil anos un legado excepcional que merece o máximo recoñecemento internacional”, afirmou Carmela López. 

Nese sentido, destacou que a riqueza da Ribeira Sacra vai moito máis alá da espectacularidade da súa paisaxe. “Temos un territorio único e exclusivo tanto pola súa historia, como polo seu patrimonio e cultura. Os canóns do Miño e do Sil, a viticultura heroica, os mosteiros, as igrexas, os camiños, as aldeas e o inmenso patrimonio etnográfico conforman unha paisaxe cultural viva, modelada ao longo dos séculos polo esforzo de xeracións de veciñas e veciños. Ese legado ten un valor universal que merece ser recoñecido”. 

Carmela López puxo tamén en valor o apoio expresado por numerosos países durante o debate celebrado no Comité do Patrimonio Mundial, un feito que, ao seu xuízo, evidencia que a candidatura da Ribeira Sacra conta cun amplo recoñecemento internacional. “Respectamos a decisión adoptada pola Unesco e o procedemento establecido, pero tamén temos a responsabilidade de defender aquilo no que cremos. E nós cremos na Ribeira Sacra, no seu valor excepcional e na fortaleza dunha candidatura que representa un dos maiores patrimonios culturais e paisaxísticos do mundo”.   


A Deputación, unha institución aliada 

A Presidenta asegurou que a Deputación de Lugo continuará exercendo un papel activo para contribuír a que a candidatura avance. “Vamos seguir sumando. Imos continuar colaborando con todas as administracións e institucións implicadas, achegando todo o que estea ao noso alcance para fortalecer esta candidatura. Farémolo, como sempre, desde a lealdade institucional, desde o diálogo e desde a cooperación. O único importante é defender un territorio excepcional e conseguir que reciba o recoñecemento internacional que merece”. 

“Este non é o final do camiño. É un paso máis nun proxecto de longo percorrido que require unidade, perseveranza e traballo conxunto. A Deputación estará, como estivo sempre e liderou nun primeiro momento, apoiando esta candidatura con absoluta convicción e contribuíndo a que o expediente responda da mellor maneira posible ás consideracións formuladas polo Comité”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias