REDACCIÓN | Todo preparado no circuíto das Pontes para vivir o domingo unha gran festa do motor coa celebración do segundo Rallyshow Deputación da Coruña. Hoxe, sábado 15 de agosto, a pesar da fina choiva, a expectación foi máxima para asistir á presentación da proba e para presenciar e participar en todas as actividades que inclúe o completo programa deseñado para esta xornada previa.
A rolda de prensa dos pilotos levantou unha gran expectación entre o público asistente ás voltas de recoñcemento de hoxe. E é que alí, xunto ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e ao deputado de Deportes, Antonio Leira, estaban catro campións do mundo de rally: Luis Moya, Stig Blomqvist, Miki Biason e Petter Solberg. Unha posta en escea inmellorable para unha proba que medra a pasos axigantados e, como salientou González Formoso, “vai ir a máis”.
Formoso, que viviu a experiencia de ser copiloto de Petter Solberg durante unhas rondas, quixo facer fincapé na gran “afección que hai ao motor e aos rallys en Galicia en xeral e en Ferrolterra en particular” e destacou que “facemos esta presentación do Rallyshow dunha maneira simbólica, rodeados de campións do mundo, rodeados de persoas que deron a vida por este deporte que aman e que nos van a deleitar cunha exhibición para lembrar a historia do automobilismo”.
Tamén puxo o foco sobre a figura de Luis Moya, “alma mater desta proba, a quen chamamos á súa porta e sempre está disposto a dalo todo a cambio da nada para que os afeccionados ao motor poidan desfrutar de todo isto que temos aquí durante esta fin de semana”. O presidente rematou a súa intervención cun desexo: “o ano que ven, Carlos Sainz estará aquí, con Luis Moya ao seu carón”.
Pola súa parte, Petter Solberg eloxiou a traxectoria de Luis Moya e a paixón polo motor que percibe en España. El e Sitg Blomqvist aproveitaron a súa quenda de palabra para agradecer á organización polo esforzo de reunir a catro campións do mundo nas Pontes.
A sorpresa da xornada correo a cargo do italiano Miki Biason, que nun perfecto español sinalou a “increíble aficción que hay en A Coruña” e lembrou que “los rallys son importantes también por la promoción que se hace del territorio, ahora mucha gente en Italia ya conoce donde está A Coruña”.
Despois da presentación desenvolveuse a experiencia TRS de pilotaxe deportiva, na que afeccionados seleccionados puideron completar voltas ao trazado nun Renault Clio RSR Rally2 acompañados por un instrutor profesional. A actividade deportiva continuará ás 16.30 horas cos adestramentos libres dos pilotos que competirán ao día seguinte.
Fan Zone para coñecer ás lendas do motor
A Festa do Motor contará cunha Fan Zone concibida como espazo de encontro entre os afeccionados e as grandes figuras do automobilismo. Durante a xornada haberá un período específico para que o público poida achegarse aos campións do mundo, conseguir os seus autógrafos e fotografarse con eles. A Fan Zone incluirá tamén photocall oficial, exposición de vehículos, un globo aerostático que- se a meteoroloxía o permite- permitirá ao afeccionados ver As Pontes desde o aire, merchandising e diferentes actividades promocionais.
Deste xeito, a Deputación quere reforzar o carácter da Festa do Motor como unha experiencia para toda a familia, máis alá da propia competición. A zona de restauración, con churrasco, polbo e bocadillos, permanecerá operativa durante toda a fin de semana, permitindo que afeccionados e familias poidan permanecer nas instalacións e gozar da programación sen necesidade de desprazarse.
O domingo chegará o momento central da fin de semana coa segunda edición do Rallyshow Deputación da Coruña. As instalacións abrirán ao público ás 9.00 horas e, ao longo do día, a competición irá alternando as diferentes mangas con exhibicións de Carcross, Drift e outras disciplinas do motor.
Tras os adestramentos libres e a manga clasificatoria da mañá, pola tarde disputaranse os oitavos e cuartos de final, as semifinais, a loita polo terceiro e cuarto posto e a gran final, prevista para as 17.45 horas. Ás 18.00 horas terá lugar a entrega de trofeos e ás 18.30 celebrarase unha última manga de exhibición cos pilotos convidados.
A programación completarase durante a fin de semana cunha exposición de vehículos históricos, clásicos, deportivos e de competición, dous simuladores profesionais de rally e numerosas propostas para o público familiar. Os máis pequenos disporán dun circuíto de educación viaria con karts a pedais, percorrido sinalizado e actividades sobre seguridade viaria e mobilidade responsable.
Concerto de Sés
A música será a encargada de poñer o broche final á Festa do Motor. Ás 19.00 horas do domingo, Sés ofrecerá o concerto de clausura, pechando dous días de automobilismo, espectáculo, gastronomía e actividades para todos os públicos nas Pontes.