REDACCIÓN | Alberto Meira proclamouse este domingo gañador do Rallyshow das Pontes, a cita central da Festa do Motor organizada pola Deputación da Coruña, que congregou durante a xornada a máis de 12.000 persoas que ateigaron o circuíto pontés durante a xornada.
O ambiente comezou a sentirse desde primeira hora. Moito antes do inicio das mangas oficiais, con máis de 30 pilotos inscritos, centos de afeccionados agardaban xa nos accesos e as bancadas foron enchéndose ata presentar unha imaxe multitudinaria. Familias enteiras, seguidores chegados de distintos puntos de Galicia e numerosos afeccionados ao automobilismo acompañaron durante todo o día aos pilotos, nunha xornada marcada polo ruído dos motores, os aplausos e a expectación cada vez que os grandes nomes do rally mundial saían á pista.
Durante a mañá, Stig Blomqvist, Miki Biasion e Petter Solberg, tres nomes que forman parte da historia do Mundial de Rallyes, fixeron gozar especialmente a unhas bancadas cheas de público desde primeiras horas. Xunto a eles estivo tamén o coruñés Luis Moya, bicampión do mundo como copiloto de Carlos Sainz e padriño da cita. O público respondeu con entusiasmo a cada unha das súas aparicións no circuíto, tanto nas exhibicións como nos encontros cos afeccionados.
A competición arrancou cos adestramentos libres e a manga clasificatoria e continuou pola tarde coas eliminatorias de oitavos e cuartos de final, semifinais e a Gran Final, na que Alberto Meira, aos mandos do seu Skoda Fabia R5, conseguiu a vitoria. O segundo posto foi para o veterano Manuel Senra aos mandos do seu Hyundai i20 WRC e a terceira posición para Jorge Pérez, cun Porsche 911 GT3. Tras a final celebrouse a entrega oficial de trofeos, na que participaron o presidente da Deputación e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, o deputado portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández, e a concelleira de Deportes das Pontes, Elena López.
O espectáculo non se limitou á competición. Entre manga e manga, as exhibicións e drifts mantiveron a actividade sobre o trazado e contribuíron a crear unha atmosfera de festival arredor do circuíto. O público respondeu enchendo as bancadas, achegándose ás zonas de exposición e seguindo de preto cada saída dos vehículos.
Fóra da pista, un dos puntos con maior ambiente foi a Fan Zone, onde os afeccionados puideron fotografarse cos pilotos e conseguir autógrafos. Os encontros cos campións do mundo convertéronse nun dos momentos máis concorridos da xornada, con longas filas de seguidores que quixeron levar unha lembranza dunha cita excepcional.
A programación incluíu ademais circuíto de educación viaria para os máis pequenos e unha ampla zona de restauración, o que permitiu que a Festa do Motor se vivise durante todo o día tanto dentro como fóra da pista.
A xornada pechouse coa actuación de Sés, que puxo o broche musical a unha fin de semana na que As Pontes se converteu nun gran punto de encontro para os afeccionados ao automobilismo.