El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Bayardo Quinto Núñez
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación homenaxea na Coruña as vítimas do franquismo no Día da Galiza Mártir

17-08-2026 21:39:16
Sol Agra (3e).

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda celebraron hoxe na Coruña a homenaxe do Día da Galiza Mártir, nun acto conducido diante do monumento ao líder galeguista na praza de Catro Camiños no que participaron a deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Sol Agra, e a artista Sés. A xornada serviu para reivindicar a memoria histórica e esixir a oficialización desta data no calendario institucional do país. 

Durante a súa intervención, a deputada lembrou que “hoxe se cumpren exactamente noventa anos do fusilamento de Alexandre Bóveda a mans do fascismo na Caeira, Poio”. A representante provincial salientou que “o 17 de agosto non é un día calquera, senón unha xornada na que a dor se transforma en rebeldía e en memoria viva para render tributo a todas as persoas represaliadas, paseadas nas cunetas, exiliadas ou torturadas por defender a liberdade e a democracia”. 

Nas súas palabras, Agra destacou a figura de Bóveda como motor e alma organizadora do Estatuto de Autonomía de 1936, ao tempo que inscribiu o seu sacrificio nun fío condutor de resistencia galega que inclúe os Mártires de Carral, Antolín Faraldo, o nacemento das Irmandades da Fala na Coruña en 1916 e a loita clandestina de Moncho Reboiras, asasinado en Ferrol en 1975. Así mesmo, tivo un recordo especial para as mulleres humilladas e represaliadas polo réxime, os mestres, os mariñeiros, os labregos e os traballadores que sufriron a barbarie franquista. 

Como responsable da área de Dereitos Civís do goberno provincial, Sol Agra defendeu que o Parlamento de Galicia debería “oficializar o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir”. A deputada subliñou a urxencia de combater o revisionismo histórico e rematou advertindo de que “non haberá unha democracia plena mentres siga existindo un só corpo sen identificar nas cunetas ou se continúan a branquear os crimes da ditadura”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias