El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Jesús Antonio Fernández Olmedo
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Festiletras recoñece a Xosé Regueira co Bo e Xeneroso de Honra

23-08-2026 21:26:23
Xosé Regueira (e).

REDACCIÓN | O Festiletras recoñece este ano a traxectoria e o compromiso de Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, coa entrega do Premio Bo e Xeneroso de Honra, unha distinción coa que o festival quere poñer en valor o seu labor a prol da lingua, da cultura e da identidade galegas. 

O recoñecemento destaca especialmente unha maneira de facer país desde a proximidade, a palabra e o compromiso cotián. Para o Festiletras, Regueira representa unha forma de entender a defensa de Galicia baseada na participación, na implicación coa comunidade e no apoio constante ás iniciativas culturais que nacen desde o territorio. 

Ao longo dos anos, Xosé Regueira mantivo unha relación estreita co Festiletras e coa aldea do Couto, acompañando o festival nas súas diferentes etapas e compartindo ideas, tempo e afectos. Unha presenza continuada que, para a organización, transcende o apoio institucional e se converte nun vínculo persoal cunha celebración que reivindica a literatura, a música, a lingua e a cultura galegas desde o rural. 

“Hai persoas que fan país desde a palabra, o compromiso e a xenerosidade cotiá. Xosé Regueira é unha delas”, sinala o Festiletras na motivación do galardón. O festival quere así agradecer “tantos anos de defensa da lingua, da cultura e dunha Galicia orgullosa de si mesma”, ao tempo que recoñece a quen “nunca deixou de camiñar ao lado desta aldea e deste festival”. 

Pola súa banda, Regueira agradeceu o recoñecemento "con humildade", recollendo o galardón "non só en nome propio, senón no da administración que realmente leva apoiando durante todos estes anos as Festiletras: a Deputación da Coruña". 

"Sempre considerei este evento como unha pequena grande miragre e sempre crín nel e agora, coa carga que depositan sobre min, tamén como unha enorme responsabilidade" sinalou o vicepresidente. "Para calquera pequena aldea do País é moito máis fácil montar un palco, traer unha orquestra ou un trío e facer unha verbena, que convertir as súas eiras e camiños nunha referencia nacional de celebración das nosas letras, da nosa cultura, da nosa lingua e da nosa identidade". 


Unha homenaxe desde o Couto 

O Bo e Xeneroso de Honra ten tamén un significado especial polo lugar desde o que se entrega. A aldea do Couto converteuse ao longo dos anos nun espazo de encontro e celebración da cultura galega e nun dos sinais de identidade do Festiletras. A organización reivindica precisamente esa dimensión comunitaria para explicar a elección de Regueira: “As grandes persoas non se miden polo ruído que fan, senón pola pegada fonda que deixan na comunidade”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias