REDACCIÓN | A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o expediente de contratación do concerto do grupo Café Quijano, que actuará o próximo 17 abril no Auditorio.
A actuación permitirá ao público ferrolán desfrutar dunha das formacións máis recoñecidas da música española contemporánea. O grupo, integrado polos irmáns Manuel, Óscar e Raúl Quijano, naturais de León, conta cunha traxectoria de case tres décadas na que acadou un amplo recoñecemento tanto no ámbito nacional como internacional.
Café Quijano desenvolveu ao longo da súa carreira unha proposta musical propia na que conflúen o pop, o rock latino e o bolero, creando un estilo característico que lles permitiu conectar con varias xeracións de público e manter unha presenza continuada nos principais escenarios e festivais.
Ademais publicou numerosos traballos discográficos e obtivo importantes éxitos, entre os que destaca o coñecido tema «La Lola». Foi o primeiro grupo español nomeado aos premios Grammy estadounidenses e recibiu diversas nominacións aos Latin Grammy, consolidándose como unha das formacións de maior prestixio dentro da música en español.
Na actualidade, o grupo continúa cunha intensa actividade sobre os escenarios coa súa xira «Miami 1990», un espectáculo no que combina a presentación dos seus traballos máis recentes coa interpretación dos grandes éxitos que marcaron a súa carreira.
A actuación de Café Quijano en Ferrol súmase así á programación cultural na que se está xa a traballar de cara ao primeiro cuadrimestre do 2027.