El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

RIBADAVIA | FESTIVAL ARTEFICIAL

O Festival Arteficial celebra un XX Aniversario cunha das súas melloees edicións

10-09-2026 18:06:46
O Festival Arteficial.

REDACCIÓN | O xa veterano Festival Artefficial de Ribadavia ven de celebrar a súa 20 edición en dúas xornadas cheas de música e cultura, concluíndo que este tipo de eventos vinculados ao territorio están perfectamente arraigados na poboación. 

O festival congregou a público de tódalas idades cunha fluída circulación de xente non só da comarca, senón de diferentes puntos do país e mesmo de Portugal e fóra das fronteiras galegas. Unha das edicións con máis afluencia de público ao longo dos dous días e a pesar das altísimas temperaturas que se viviron na capital do Ribeiro tanto o venres coma o sábado. 

Esta edición arrancou o venres no Museo Etnolóxico de Ribadavia co obradoiro de Son Electrónico que completou tódalas súas prazas (ao igual que o resto de actividades paralelas e gratuítas do festival). Ao rematar, a pinchada de Grima DJ e o concerto de Su Garrido Pombo contaron cun cheo total no Museo. Foi un arranque que xa facía entrever o que acontecería ao día seguinte: éxito de público e concertos que conectaron á perfección coas persoas que se achegaron a escoitar e compartir a música programada dende a asociación Arteficial. 

O pasado sábado, puntualmente, arrancou o tradicional pasarrúas co grupo tradicional Airiños e o desfile e baile de Cabezudiñxs con Don Pedro e Dona Ana. Un pasarrúas que atravesa a arteria principal de Ribadavia e que vai guiando ao público até o centro neurálxico do festival e do conxunto histórico: o barrio da Madalena. 

É nesta localización onde ten lugar a parte diurna da celebración, onde o público é recibido polo mercado das Sementes, que contou cunha selección variada de postos de artesanía e diferentes expresións artísticas como vinilos, deseño textil, cerámica… Queda demostrado que o mercado é unha actividade que está totalmente consolidada dentro do festival e que ofrece un espazo de descubrimento e de descanso, un lugar onde o público tamén aproveita para sentarse na zona de mesas e bancos a tomar algo e conversar. 

En canto á programación musical este é un dos anos que máis felicitacións recibiu o colectivo polo seu cartaz. Unha aposta (como ven facendo dende os seus inicios) por bandas pouco coñecidas nos circuítos xenéricos da Galiza, formada por proxectos emerxentes, bandas e djs locais e bandas internacionais. Outra das características que identi?ca ao Arte?cial é o vínculo con selos e bandas portuguesas, que se mantivo tamén este ano. Todos os concertos contaron cun público entregado, participando e desfrutando dende primeira hora ata o peche na Madalena e continuación na Oliveira. 

A festa nocturna, nun espazo tan singular coma a Igrexa da Oliveira, é o broche ideal para unha xornada festiva coma esta. Contou con público dende a apertura de portas até o último tema, estando prácticamente cheo durante as 4 horas que dura a festa noctura no festival. 

As bandas regalaron unha diversidade de actuacións que foron dende proxectos cun agarimo altamente sensible coa nosa tradición como o de Peitoescuro, o reencontro emotivo de AO (con dous exmembros da asociación Arteficial tocando no seu festival), o directo ácido e rabudo de La Rate Timide, a enerxía e conexión brutal co público de Basic Partner, a proposta arrolladora de Scúru Fitchádu e o peche festivo na Igrexa da Oliveira con San La Muerte Cumbia Club, que fixo bailar até ás cadeiras máis esferruxadas. 

Todo iso enfiado coas sesións de DJ Grima, DJs BalConde, DJ Ferromona (cunha pinchada de bandas exclusivamente galegas) e DJ Sapoconcho Semponcho (pinchando vinilos), que achegaron diversidade de sons dende o mediodía ata a noite. 

En canto ás actividades paralelas contan tamén co apoio do público, que visitou a expo ao aire libre das lonas das intervencións da Madalena dos últimos anos, (colgadas en diferentes espazos da vila), así como outra exposición de foto na rúa San Martiño. 

Os obradoiros (cerámica, tecidos e creación musical) e a visita á tradicional imprenta “El Ribadaviense” cubriron o 100% das prazas demostrando que a programación paralela do festival é dun alto interese para o público. 

O éxito de público foi facilmente medible observando a afluencia que tiveron a barra do festival así como os postos gartonómicos de cercanía. E sobre todo o espazo reservado a socias e socios do Arteficial que venderon todo o material de promo cos deseños deste ano (camisetas e sacas de tea) e que deixou un aumento na renovación e altas de novas socias e socios. O compromiso do público é evidente, demostrando que é un festival máis que instalado no calendario de setembro. 

O público, ademais, puido levar de agasallo o fanzine nº8 realizado polo colectivo con achegas de xente amiga que aporta textos, imaxes e creación de diferente ídole. A filosofía, os pensamentos, o espítirito e as ideas da asociación plasmadas en papel. 

Para a asociación a vixésima edición do Festival Arteficial pecha esta edición tras un fin de semana moi especial, cheo de emoción, reivindicación, música, cultura e patrimonio, no que o conxunto histórico de Ribadavia volveu ser o escenario dunha proposta cultural aberta, diversa e interxeracional. Consideran que queda patente que este tipo de proxectos, que dialogan co espazo no que teñen lugar, que se fan tendo en conta á veciñanza, que conta con proveedores de cercanía e que traballan en ter un cartel no que a lingua, a igualdade, a solidariedade e o respecto polo entorno estén no centro é o camiño que elixen transitar. 

Dende a asociación cultural Arteficial queren transmitir un agarimoso agradecemento á veciñanza, ás voluntarias e voluntarios, traballadores e traballadoras, comercio local e patrocinadores, a medios de comunicación, a proveedores, a participantes no Mercado das Sementes e ás institucións e colaboradores (Concello de Ribadavia, Museo Etnolóxico e Xunta de Galicia) por facer posible un finn de semana tan especial que celebra dúas décadas de dinamización cultural no rural.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias