REDACCIÓN | A Deputación da Coruña vén de resolver o XIV Premio de Artesanía Antonio Fraguas, un dos galardóns de referencia no apoio ao oficio artesán e á creación contemporánea na provincia. Nesta edición, os gañadores, por unanimidade, son Rubén M. Mosteiro, na categoría de artesanía tradicional, pola obra “A Sede”; e Félix Pérez Oliveira, na categoría de artesanía contemporánea, pola peza “Alborada Noh”.
O xurado, reunido no IES Rosalía Mera, acordou ademais seleccionar as 26 pezas que formarán parte da exposición itinerante do premio, que chegará a varios concellos da provincia nos próximos meses.
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado, que tivo como vogais a Verónica Moar Suárez, Julia de la Cal Rodríguez, Juan Marcos Adrio Fondevila e María Dolores Dopico Aneiros. Como secretaria actuou Manuela Muñiz Souto, xefa da área provincial de Cultura.
De “A Sede”, o xurado salienta que se trata dunha peza realizada no torno, de gran dimensión e cunha notable complexidade na súa execución, así coma “o coidado dos detalles, a precisión técnica e o dinamismo do conxunto”. Segundo o comité avaliador, “é un traballo de raíz tradicional que mantén vivo o oficio e demostra a súa capacidade para encaixar e adquirir novos significados no contexto actual”.
Para o xurado, “Alborada Noh” é “unha peza dunha extraordinaria calidade, que emprega técnicas de artesanía con plumas cunha gran plasticidade, dinamismo e sutileza, e de grande risco construtivo e expresivo: un traballo que xunta excelencia técnica e plástica”.
A deputada de Cultura puxo en valor desta edición do Premio Antonio Fraguas que “confirma a vitalidade da artesanía galega, a súa capacidade para dialogar co presente e a importancia de apoiar os oficios que forman parte da nosa identidade cultural”.
Exposición itinerante
Como en cada edición, o premio Antonio Fraguas chegará, nos próximos meses, a varios concellos da provincia coa exposición itinerante dunha selección das obras presentadas ao certame. Este ano será estas 26:
.- “Dengue Noir”, de María Luisa Estévez Rodríguez.
.- “Culeiros”, de Santiago Besteiro García.
.- “Musgo y piedras, de Inés Rodríguez Rodríguez.
.- “Batente”, de María Sandra Bastón Cadabón.
.- “Preto”, de María Sandra Bastón Cadabón.
.- “A Sede”, de Rubén Martínez Mosteiro.
.- “Trama”, de Jonatan Sarachaga Casalderrey.
.- “Ébanum”, de Estefanía Gazol Valcárcel.
.- “Papirografía vital Vol. II”, de Cristina Velasco Mora.
.- “Entre piñeiros e mimosas”, de María Minia Braña Gómez.
.- “Luminaria”, de Edita Rodríguez Oca.
.- “Adega modular”, de Edita Rodríguez Oca”.
.- “Costureiro. Artefacto de oficio”, de Frank Buschmann.
.- “Cinzas”, de Pablo Rodríguez Díaz.
.- “Alborada Noh”, de Félix Alfonso Pérez Oliveira.
.- “Barbaza”, de Félix Alfonso Pérez Oliveira.
.- “Argazos”, de Félix Alfonso Pérez Oliveira.
.- “Cesta Mochila”, de Victor Manuel Montero.
.- “Reliquia”, de Nuria Manzano Vall.
.- “Cántaro”, de María Dolores García Romaneli.
.- “Brava”, de Carlos Fernández López.
.- “Pataca nova de fóra”, de Carlos Fernández López.
.- “Gromos”, de César Rodríguez Castiñeiras.
.- “Orixe”, de Ana Rosa Lista Sebe.
.- “Estela de Terra (II)”, de Pablo Sánchez Otero.
.- “Pendente (II)”, de Sofia Rivas Souto.