REDACCIÓN | A Deputación da Coruña presentou hoxe o proxecto arquitectónico da futura Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores Pardo Bazán das Pontes, o primeiro centro do novo modelo residencial que a institución provincial quere implantar na provincia e que terá continuidade proximamente en Rianxo e Ordes.
O proxecto gañador do concurso de ideas foi dado a coñecer nunha rolda de prensa na que participaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; o vicepresidente, Xosé Regueira; a deputada de Política Social, Mar García Vidal, e o arquitecto responsable da proposta gañadora, Hugo Araujo Lázare, que explicou en detalle as principais características do futuro centro.
Durante o acto entregáronse tamén os galardóns aos tres arquitectos premiados no concurso de ideas, ao que se presentaron un total de 49 propostas. O primeiro premio, dotado con 9.000 euros, correspondeu a Hugo Araujo Lázare polo seu proxecto “Aldea Aberta”; o segundo, de 7.000 euros, a María Gracia Amandi Joglar, pola proposta “Villas 15320”; e o terceiro, de 5.000 euros, a Javier de las Heras Solé, por “Un Jardín”.
Formoso destacou que a futura CAM das Pontes “é algo distinto”. Explicou que estes espazos non se conciben como “residencias, hospitais ou almacéns para que as persoas pasen os últimos anos da súa vida. Isto é diferente. Nós creamos vivendas para esas persoas maiores e as súas familias que necesitan unha solución habitacional”. Engadiu que este espazo busca ser un “punto de referencia interxeracional, no que o pobo poida levar as súas iniciativas culturais e de ocio e nas que participen tanto as persoas residentes como mozas e mozos das vilas nas que se localicen”.
O presidente subliñou que “As Pontes é o punto de partida dun proxecto provincial máis amplo. Este novo modelo comeza aquí e en breve avanzaremos tamén nas CAM de Rianxo e Ordes. A nosa intención é construír unha rede de centros que ofreza unha resposta diferente ao reto dos coidados de longa duración e ao envellecemento da poboación”.
Formoso quixo resaltar a complexidade que ten para a Deputación levar a cabo un proxecto desta tipoloxía, pois é “moi diferente aos que facemos cada día nesta casa”. Por isto agradeceu “a implicación e a ilusión” de todas as persoas que axudaron a que puidera saír adiante.
Por último, incidiu na importancia de “querer aportar o noso gran de area, malia non ter as competencias para isto”. Precisamente non ter as competencias “implica que teñamos que pedir autorización á administración que non resolve o problema das prazas nas residencias: a Xunta de Galicia”. Os estudos marcan en aproximadamente 5.000 as prazas necesarias na provincia da Coruña para resolver esta cuestión. Con todo, o presidente puntualizou que “non existen fórmulas máxicas para resolver esta dinámica” e é por iso polo que o goberno provincial decidiu implicarse en dar unha solución innovadora ás persoas maiores da provincia que non poden dispoñer dunha praza nunha residencia.
“O máis importante deste proxecto non é só como vai ser o edificio, senón como se vai vivir dentro del”, sinalou Formoso. “Queremos que as persoas maiores poidan manter as súas rutinas, recibir ás súas familias, pasear, saír ao xardín, participar nas actividades ou simplemente sentarse a conversar. Que o centro sexa como a súa casa”.
Unha pequena aldea con fogares autónomos
A proposta arquitectónica gañadora, presentada co lema “Aldea Aberta”, segundo explicou o seu creador, Hugo Araújo Lázare, concibe o edificio como unha pequena aldea doméstica, “buscando eliminar na medida do posible a imaxe institucional asociada tradicionalmente aos centros residenciais”. É por iso que todo o inmoble se desenvolve nunha única planta —posible grazas á amplitude da parcela, de máis de 4.000 m2 e organízase arredor de catro unidades de convivencia, que constitúen o núcleo da vida diaria do centro.
Cada unha destas unidades funciona como “un pequeno fogar autónomo”, organizado arredor dun patio central e dotado de sala de estar, cociña-comedor e espazos propios. As habitacións, individuais e dobres e todas con baño accesible, relaciónanse directamente cos patios e xardíns, creando unha transición gradual entre os espazos privados e as zonas compartidas.
O centro terá capacidade para 59 persoas e a súa configuración busca favorecer unha vida cotiá o máis próxima posible á dun fogar, evitando a sensación de institucionalización e potenciando a autonomía das persoas residentes.
Araújo incidiu en que este concepto de pensar o centro como unha casa “cambia a forma de ver como é a tipoloxía de ver este edificio público dunha forma moi innovadora”. O arquitecto explicou que “foi este concepto o que máis me motivou a participar neste concurso”; concurso que destacou polo seu formato e a súa transparencia.
Araújo agradeceu o premio nun concurso de ideas “feito como se ten que facer, cun xurado con solvencia e cun programa moi ben estruturado e explicado. Hoxe en dia xa non se fan as cousas así, fanse con pouca transparencia e con condicións moi restrinxidas. Grazas por facer o concurso desa maneira”, afirmou.
Unha das decisións fundamentais do proxecto, segundo explicou o seu autor, é “desenvolver todo o edificio en planta baixa, favorecendo a accesibilidade universal e eliminando percorridos verticais”. Os patios e xardíns adquiren un papel protagonista, con diferentes niveis de privacidade e usos destinados a horta, actividades ao aire libre, zonas de estancia ou espazos vinculados directamente ás unidades de convivencia.
O acceso principal desde a rúa Pardo Bazán configúrase mediante unha praza arborada, concibida como espazo de transición entre a vila e o propio centro. O edificio contará cunha superficie construída próxima aos 3.366 metros cadrados e reservará máis de 1.000 metros cadrados para patios, zonas axardinadas e áreas exteriores de actividade.
A organización interior distingue tamén claramente os espazos destinados ás persoas residentes e ás súas familias dos circuítos internos de persoal, subministracións e servizos. O centro contará, entre outros equipamentos, con sala multiusos, zonas para actividades coa comunidade, estancias para reunións familiares, fisioterapia, enfermería, consulta médica e sala polivalente.
O proxecto incorpora ademais criterios de eficiencia enerxética e sustentabilidade, aproveitando a iluminación e ventilación naturais, con cubertas deseñadas para mellorar o comportamento térmico do edificio, captación solar fotovoltaica e sistemas de acumulación enerxética.
A proposta gañadora será agora a base para a redacción do proxecto definitivo para construír a futura Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores Pardo Bazán, chamada a converterse no primeiro exemplo do novo modelo residencial provincial que a Deputación da Coruña quere estender progresivamente a outros concellos coruñeses.
O contrato que se adxudica a Hugo Araujo Lázare ascende a 281.535,03 euros, IVE incluído: 225.228,03 euros para a redacción do proxecto básico e de execución e 56.307 euros para a codirección da obra. O prazo previsto é de 1,5 meses para o proxecto básico, outros 2,5 meses para o proxecto de execución.
A proposta arquitectónica estima un orzamento de execución material de 3,62 millóns de euros para as obras, cunha duración estimada de 18 meses.