REDACCIÓN | A alcaldesa, Inés Rey, presidiu hoxe a Xunta de Goberno Local na que se acordou a participación do Concello na segunda quenda do Plan provincial de cooperación para obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ ADICIONAL 2026, sistema de achegas económicas a concellos da Deputación.
“Con estes investimentos imos levar a cabo un reforzo adicional en ámbitos fundamentais como o alumeado público ou os equipamentos da rede de saneamento. Así continuamos pola senda de utilizar todos os recursos ao noso alcance para investir nesta cidade e na súa cidadanía”, remarcou Inés Rey.
A resolución do Consistorio é solicitar un total de 234.417,95 euros en ingresos adicionais. A maioría deles, 216.267,95 euros, irán reforzar a subministración eléctrica e a iluminación pública. Os 18.150 euros restantes investiranse na subministración de tapas singulares de saneamento que incorporarán novos deseños como parte dun proxecto piloto que ten como obxectivo incorporar novos modelos de tapa en toda a cidade incluíndo emblemas, escudos e símbolos característicos para contribuír a reforzar o valor simbólico e estético do espazo público, favorecendo a posta en valor do patrimonio cultural e deportivo local.
O Concello xa tivo unha participación salientable na primeira quenda do Plan POS+ 2026, con cofinanciamentos entra a Deputación e Concello por valor de case un millón de eurosen investimentos na cidade —dos que a Deputación achegou case 300.000 euros—. Isto incluíu proxectos como a segunda fase da rede de saneamento separativa de Eirís de Abaixo ou a mellora da rede separativa de Manuel Murguía.
Así mesmo, dentro do plan de reserva posterior, aprobáronse outros 600.000 euros de investimentos cun financiamento provincial mínimo do 25%, empregados na mellora da rede de saneamento no Barrio das Flores —concretamente os pluviais da rúa Violetas—. Tamén en maio deste ano se acordaron investimentos por valor de 234.417,95 euros incluídos no plan de apoio provincial.