El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Internacional

ARGENTINA | DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Valentín González Formoso viaxa a vindeira semana a Bos Aires

Para reforzar os vínculos coa diáspora galega nos ámbitos da cultura, a ciencia e a memo.

19-09-2026 12:41:20
Valentín González Formoso.

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizará a vindeira semana unha viaxe institucional a Bos Aires cunha axenda centrada en reforzar os vínculos coa diáspora galega e impulsar a cooperación nos ámbitos cultural, científico e da memoria democrática.  

Un dos actos principais da visita terá lugar o mércores 23 de setembro na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, onde Formoso manterá un encontro coa Compañía Teatral Galega de Bos Aires tras o éxito da representación de “O Heroe”, de Manuel Rivas, no Teatro Empire da capital arxentina. 

A creación da compañía e a posta en escena da obra contan co patrocinio da Deputación da Coruña a través dun convenio coa Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, unha das entidades máis importantes e representativas da diáspora galega, fundada en 1921, e que agrupa a numerosas entidades galegas. 

O proxecto recupera ademais a longa tradición do teatro galego en Bos Aires, creando un novo espazo para a difusión da lingua e da cultura galegas en Arxentina. 


Encontros coas Madres da Plaza de Mayo e visita ao CONICET 

Outro dos momentos destacados da viaxe terá lugar o xoves 24 de setembro, coa visita de Formoso ao Espacio Cultural Nuestros Hijos (ECuNHi), situado no recinto da antiga ESMA, un dos lugares máis simbólicos da represión exercida durante a ditadura arxentina. Alí, o presidente da Deputación manterá un encontro coa Asociación Madres de Plaza de Mayo, referente internacional da defensa dos dereitos humanos e da loita pola verdade, a memoria e a xustiza. 

Ese mesmo día, Formoso visitará o CONICET, principal organismo dedicado á promoción da ciencia e a tecnoloxía en Arxentina, onde manterá un encontro con investigadores e investigadoras de orixe galega que traballan ou desenvolven os seus proxectos no país. O obxectivo será coñecer o seu traballo e explorar posibles vías de colaboración e intercambio científico. 

Ademais destes tres eixos principais, a axenda de Formoso en Bos Aires incluirá encontros con algunhas das entidades máis representativas da colectividade galega. O presidente visitará o Centro Galicia de Bos Aires e o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol, institucións cunha longa traxectoria na preservación e difusión da cultura e da identidade galegas entre as novas xeracións da diáspora. 

Tamén visitará o Centro Betanzos, a entidade decana das asociacións galegas en Arxentina, fundada en 1905. Alí suscribirá un convenio para que a histórica emisora de radio do centro, Radio Enxebre, dé o salto a unha plataforma multimedia de streaming e podcast. O novo equipamento permitirá producir e emitir contidos audiovisuais, retransmitir en directo actividades entre Galicia e Arxentina e crear un arquivo dixital da memoria da emigración galega, reforzando a conexión coas novas xeracións da diáspora. 

A vertente institucional da viaxe incluirá tamén reunións co embaixador español en Arxentina, Joaquín de Aristegui, e con Carlos Bianco, ministro de Goberno da provincia de Bos Aires no Executivo que preside Axel Kicillof, para abordar as relacións entre ambos territorios e explorar posibles ámbitos de colaboración. 

A viaxe permitirá reforzar a relación da Deputación cunha das comunidades galegas no exterior máis numerosas e cunha maior tradición asociativa, apoiar proxectos que manteñen viva a cultura e a lingua galegas e tender novas pontes entre a provincia da Coruña e Arxentina nos ámbitos institucional, científico, social e cultural.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias