El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Pazo de Mariñán acolle unhas xornadas sobre as oportunidades e os riscos da intelixencia artificial para a mocidade

29-09-2026 10:54:49
Foto no Pazo de Mariñán.

REDACCIÓN | O Pazo de Mariñán acolle hoxe as xornadas “Inteligencia Artificial para jóvenes: pensamiento crítico, oportunidades y riesgos”, incluídas no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar. 

O portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, participou na inauguración xunto ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; o director da Área de Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno, Lois García Carballido, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Obdulia Taboadela, entre outras autoridades. 

Durante a súa intervención, Bernardo Fernández destacou a colaboración que a Deputación mantén desde hai anos co Plan Director, cedendo o Pazo de Mariñán como espazo de formación e debate. Nesta ocasión, a institución provincial acolle por segunda vez no ano unha actividade deste programa ante “a magnitude das transformacións que vivimos e a urxencia de abordar o impacto da intelixencia artificial na nosa mocidade”. 

Fernández salientou tamén a importancia de contar coa Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) na Coruña. “Que o noso territorio sexa a sede estatal e a vangarda europea na supervisión, ética e gobernanza da intelixencia artificial é un sinal do liderado tecnolóxico da nosa provincia, das súas universidades e das súas empresas”, afirmou. 

Neste sentido, destacou o papel da axencia para impulsar un desenvolvemento responsable da IA, no que o avance dixital vaia da man dos dereitos fundamentais e da seguridade da cidadanía, con especial atención á infancia e á adolescencia. 

O programa das xornadas conecta o marco normativo coa realidade cotiá dos centros educativos. Entre os contidos figuran o Regulamento europeo de intelixencia artificial, a identificación de usos prohibidos e de alto risco que afectan os menores e a protección dos seus datos persoais e da súa privacidade. 

A formación aborda tamén a prevención de retos perigosos nas redes sociais, o acceso a contidos inapropiados e os riscos de abuso ou manipulación. Bernardo Fernández incidiu na necesidade de desenvolver o xuízo crítico da mocidade e de transmitir unha mensaxe clara: “A intelixencia artificial non é un mentor, un amigo nin un psicólogo para un adolescente”. 

Outro dos eixes da xornada é a prevención e a resposta ante condutas como o ciberacoso, a creación e difusión de imaxes de nudez sen consentimento, os vídeos falsos ou deepfakes, as inxurias e a difusión de información falsa. O obxectivo é ofrecer ferramentas aos membros das forzas e corpos de seguridade, especialmente aos que desenvolven actividades formativas nos centros educativos, para afrontar estas situacións e mellorar a convivencia escolar. 

O encontro dedica tamén atención ao pensamento crítico, á transparencia e ao labor pedagóxico da AESIA como organismo de referencia ante dúbidas ou conflitos relacionados con esta tecnoloxía.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias