El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | EMPREGO

Galicia rexistra o setembro con menos paro

02-10-2026 12:15:54
Foto de arquivo.

REDACCIÓN | A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, valorou hoxe os últimos datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social destacando que Galicia rexistrou o mínimo de paro para un setembro desde que hai rexistros, con 112.437 persoas, e tamén o mellor dato de cotizantes da serie para este mes, con 1.127.967. 

En relación co paro, na comparativa anual baixa, o que supón 648 persoas paradas menos que en setembro de 2025. A redución do paro anual esténdese a todos os sectores de actividade, liderada pola construción (-6,97%), seguido da industria (-4,48%), do primario (-2,63%) e dos servizos (-2,29%). 

En canto aos colectivos prioritarios, tanto as mulleres como as persoas paradas de longa duración acadan o menor nivel de desemprego para un mes de setembro de toda a serie histórica (desde maio de 2005). No caso das mulleres, o paro redúcese en 612 persoas (-0,91 %) con respecto ao ano anterior. Entre as persoas paradas de longa duración, a baixada é de 813 persoas (-1,45 %). 

Na comparativa mensual, o paro sobe un 2,50 % nun contexto no que inflúen a finalización de contratos do verán e tamén o proceso extraordinario de regularización, que continuará incorporando persoas ás estatísticas de paro nos vindeiros meses. 

No relativo ás afiliacións, Zeltia Lado destacou que é a terceira mellor cifra rexistrada, por detrás dos datos de xullo e agosto. Galicia conta con 23.965 afiliacións máis que hai un ano (+2,17 %). A isto engadiu que en materia de contratación as cifras aumentan tanto na comparativa anual como na mensual. 

Segundo salientou a directora xeral, estes datos deben analizarse desde unha perspectiva de medio e longo prazo e engadiu que o Goberno galego continúa desenvolvendo unha ampla batería de medidas a prol do emprego estable e de calidade e de dar resposta ás necesidades de talento e de cobertura de vacantes do tecido empresarial. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias