El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A CORUÑA

A Coruña reúne na Domus a profesionais da cultura e da tecnoloxía

Para analizar o impacto da intelixencia artificial no sector cultural.

02-10-2026 13:04:52
Gonzalo Castro (c).

REDACCIÓN | A Domus acolle hoxe a xornada ‘Periscopio A Coruña. O papel da IA nos sectores culturais e creativos’, un encontro que reúne na cidade a destacadas voces dos ámbitos da cultura, a tecnoloxía e a innovación para reflexionar sobre os retos e oportunidades que a intelixencia artificial presenta para a creación, a produción e a difusión cultural. A iniciativa está organizada pola Fundación Contemporánea co apoio do Concello da Coruña e da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). 

A xornada foi inaugurada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e pola directora da Fundación Contemporánea, Sara Magán. Durante a súa intervención, Castro destacou a aposta do Goberno de Inés Rey pola innovación como ferramenta para fortalecer o ecosistema cultural da cidade e promover espazos de diálogo sobre os grandes desafíos contemporáneos. “O desenvolvemento da intelixencia artificial abre novas posibilidades para a creación e a difusión cultural, pero tamén nos formula importantes preguntas éticas, profesionais e sociais. É fundamental que cidades como A Coruña participen neste debate e contribúan a construír un uso responsable destas tecnoloxías ao servizo da cultura e do coñecemento”, sinalou o edil. 

Castro subliñou tamén que “a celebración de Periscopio reforza o posicionamento da Coruña como cidade innovadora e comprometida coa reflexión sobre o futuro dos sectores culturais e creativos, favorecendo ademais a conexión entre profesionais da cultura, da investigación e da tecnoloxía”. O edil destacou a aposta do Goberno de Inés Rey por ser referentes na regulación da IA grazas á presenza na cidade da AESIA. 

A conferencia inaugural correu a cargo da escritora e investigadora Remedios Zafra, que aborda a relación entre creatividade e intelixencia artificial na charla ‘Crear como traballo con, en e malia a intelixencia artificial’. Ao longo da xornada analízanse tamén os efectos destas ferramentas na produción cultural, na relación cos públicos e nos modelos de creación artística. 

Entre as persoas participantes destacan Alberto Gago, director da AESIA; o cineasta e artista Chino Moya; a directora de programación de Acción Cultural Española (AC/E), Inmaculada Ballesteros; e o director creativo da Colección SOLO, Óscar Hormigos, entre outras voces especializadas do ámbito cultural e tecnolóxico. 

O programa inclúe mesas de debate como ‘IA, unha nova especie no ecosistema cultural’ e ‘Co-creando con IA’, nas que se analiza como estas tecnoloxías están a transformar as formas de crear, producir, xestionar e difundir proxectos culturais. A xornada complétase con obradoiros prácticos, espazos de networking e sesións de intercambio de experiencias entre profesionais de diferentes disciplinas. 

Periscopio A Coruña culmina coa posta en marcha do hackatón ‘Creadores culturais & tecnólogos’, unha iniciativa que reunirá equipos multidisciplinares ata o próximo mes de decembro para desenvolver prototipos e explorar aplicacións prácticas da intelixencia artificial na xestión cultural, na creación de contidos e na comunicación de proxectos culturais.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias