REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou en Santiago que o BNG “irá a por todas, sen límite e con ilusión” para “darlle a Galiza máis forza” e “gañar en avances sociais” fronte ao PP máis ultra da historia” nas próximas eleccións estatais convocadas para o próximo 29 de novembro.
“Máis dereitos e máis forza para Galiza é o obxectivo que temos desde o BNG”, afirmou Pontón ante un adianto electoral para o que, remarcou, a formación nacionalista está preparada e que afronta desde a convicción de que esta cita coas urnas é unha oportunidade para darlle máis forza aos galegos e galegas e lograr máis avances sociais.
A líder nacionalista reivindicou o traballo serio e rigoroso realizado neste sentido ao longo da lexislatura por un Bloque que só cun deputado e unha senadora acadou “máis avances para Galiza que o resto de deputados e deputadas ao servizo das forzas estatais” e contribuíu a “mellorar a vida da clase traballadora aquí e no conxunto do Estado”.
Logros, exemplificou, como os descontos de até o 75% na AP-9 e na AP-53, a transferencia da propia AP-9, unha quita da débeda de 4.000 millóns de euros, máis financiamento para a dependencia ou o aumento das pensións máis baixas.
“O BNG chega a estas eleccións cun traballo serio e rigoroso na defensa de Galiza e dos dereitos das maiorías e é garantía de que haxa máis avances sociais, máis dereitos, máis calidade de vida, máis xustiza e máis igualdade social”, sintetizou.
A portavoz nacional explicou neste punto que o Bloque fai algo que ninguén máis fai en Madrid e é representar “a mellor alternativa para todos os galegos e galegas que queren avanzar en dereitos e xustiza social sen deixar a Galiza atrás”.
Unha alternativa para unha “Galiza mellor” que confrontou ao PP “máis ultra da historia” e que só pode ofrecer desde o goberno o que xa está facendo desde a oposición: fomentar discursos de odio, desigualdade, especulación coa vivenda, recortes nos servizos públicos e ataques á lingua galega.
“Ese é o Partido Popular de Feijóo e de Rueda que leva anos poñéndose do lado dos fondos voitre na vez de poñerse do lado da vivenda, o que lle pon unha alfombra vermella para que se faga negocio coa vellez, o que abraza o lobby eléctrico e á banca e que traballa para os poderosos e para as súas empresas amigas”, reprobou, logo de reivindicar ao BNG como “dique de contención” no País fronte a unha “dereita ultra que está botada ao monte”.
Pontón tamén foi crítica cun “autoproclamado goberno máis progresista da historia” que, tras oito anos de goberno, non foi capaz de parar o desafiuzamento de Maricarmen, unha muller de 87 anos expulsada da súa casa “porque se permitiu que a vivenda se convertera nun negocio”.
“No tempo de desconto non se pode solucionar o que non se fixo durante oito anos, porque a situación de hoxe non cae do ceo, é consecuencia dun goberno que foi morno e timorato cando “o que se precisaba era valentía, decisión e medidas contundentes para defender a xente de a pé fronte aos poderosos”, lamentou.
A líder nacionalista augurou unha campaña “moi intensa” na que haberá que tente meter medo á xente, polo que apelou á esperanza da alternativa do BNG. “Desde o medo non se consegue absolutamente nada, hai que ir votar desde a ilusión e desde a convicción, non conformándonos co mal menor, senón dicindo que queremos gañar un futuro mellor”, resumiu.
Un futuro, afondou, que se constrúe desde a esperanza que representa o Bloque para construír unha Galiza mellor, con máis benestar social, na que se poida vivir e traballar dignamente, con salarios que permitan chegar a fin de mes e na que a vivenda non sexa un privilexio senón un dereito e que se alguén enferma terá unha sanidade pública forte e sen lista de espera.
“O futuro que merecemos pasa por un País no que a xente moza non teña que estar até os 40 anos na casa dos seus pais ou das súas nais e no que non se vexa normal pagar até 700 euros por unha habitación e, por riba, ter que traballar con salarios precarios”, afondou, subliñando que para construír ese país hai que facelo desde a ilusión, a esperanza e a confianza de saber que en Galiza “hai unha alternativa para un futuro mellor que é o BNG”.
Por iso, recalcou que o Bloque está preparado para encarar as eleccións do 29N, consciente de que é a alternativa para miles de galegos e galegas que miran á formación nacionalista con esperanza e ilusión. “Nestas eleccións tamén nos xogamos o papel que Galiza quere ter no Estado, se queremos ser decisivas e se queremos seguir avanzando para a maioría de galegos e de galegas”, indicou, logo de incidir na necesidade de que o País gañe máis forza para avanzar ante o centralismo das forzas estatais.
Pontón avanzou que a Executiva do BNG reunirase esta mesma tarde para abrir todo o proceso de candidaturas, un proceso que como caracteriza ao Bloque será democrático e participativo, para presentar as mellores candidaturas “para seguir dando a cara por este País e defender os dereitos nun momento no que é máis importante que nunca”, afirmou.
“Imos a estas eleccións co aval do traballo feito e sabendo que podemos contribuír a que haxa avances para Galiza, avances para as maiorías sociais e que é posible derrotar a esas dereitas que nos queren levar cara atrás”, concluíu.