REDACCIÓN | O voceiro do Goberno municipal e concelleiro de Economía e planificación estratéxica, José Manuel Lage, avanzou hoxe que o Goberno prorrogará os orzamentos do 2026. Fíxoo despois de que os dous partidos da oposición declinaran negociar co Goberno de Inés Rey unhas novas contas. O tamén primeiro tente de alcaldesa destacou que a renuncia dos grupos a debater sobre as contas do próximo exercicio non afectará, con todo, aos investimentos do vindeiro exercicio, xa que esa eventualidade, indicou, xa foi prevista cando se deseñou o orzamento plurianual actualmente en vigor.
“Dispoñemos dunha boa saúde financeira e de capacidade de investimento, por iso dedicaremos a investimentos reais preto de 70 millóns de euros en melloras na cidade entre o que resta do 2026 e o 2027”, anunciou.
Lage apuntou que para o Goberno local é prioritario avanzar coa folla de ruta da recta final do Plan de barrios 2025-2027, que xa mobilizou máis de 90 millóns en investimentos en todas as zonas da cidade. “O noso obxectivo é claro. Queremos mellorar a calidade urbana e a calidade de vida da cidadanía”, sinalou, e insistiu en que o Concello conta cos recursos para facelo.
O plan de acción do Executivo seguirá tres eixes fundamentais, centraranse as políticas públicas en dar solucións ante o problema da vivenda, fortaleceranse e ampliaranse os investimentos nos barrios e desenvolverase un modelo sostible e inclusivo de mobilidade. “Imos implantar políticas para mobilizar as vivendas sen uso na cidade, impulsando ao mesmo tempo un plan de vivenda e desenvolvemento urbano co obxectivo de crear máis de11.000 novas vivendas na Coruña, cedendo solo e facilitando a construción”.
Outra das grandes frontes do futuro inmediato é o impulso de Coruña Marítima, que o concelleiro describiu como un “proxecto transformador e fundamental para a cidade”, e que está a avanzar grazas á colaboración entre institucións —actualmente está en marcha o proceso de selección dos equipos que elaborarán o Máster Plan—.
No ámbito da mobilidade, Lage subliñou a aposta do Concello por un modelo máis sostible que reforce o transporte público e outros vehículos non contaminantes como a bicicleta—algo que na Coruña está a facerse a través de BiciCoruña, que este ano superou os2.000.000 de traxectos e está no seu momento de maior número de usos—.
A ampliación do plan para mellorar a rede de áreas infantís na cidade será outro dos grandes obxectivos do Concello. “A nosa idea fundamental é que para o ano 2030 todas as familias da cidade teñan un parque a 10 minutos da súa casa”. Ademais, farase unha aposta polo modelo do parque cuberto, como o que xa está en marcha no Ventorrillo cun investimento de máis dun millón de euros. O plan prevé a construción de, polo menos, catro espazos destas características, que lles permiten aos nenos e nenas xogar protexidos tanto das choivas como do sol. Tamén se avanzará na contratación do novo servizo de limpeza e recollida de lixo, coa recente adxudicación da redacción dos pregos.
Por outra banda, Lage Tuñas recordou que todos os indicadores económicos apuntalan a boa saúde financeira do Concello e a súa capacidade de actuación. Nesa liña indicou que mentres a débeda viva no ano 2015 alcanzaba o 35,7 % dos ingresos, hoxe é do 15,93 %. Ademais, o Concello enlaza doce meses o cumprimento do período medio de pago a provedores, situado, de media, lixeiramente superior aos 21 días.
Neste contexto, indicou, o Concello seguirá avanzando na aplicación de políticas que melloren os servizos públicos. Lage indicou tamén que nos vindeiros días o Goberno municipal contactará co BNG para manter co grupo un encontro encamiñado á negociación do anexo de subvencións nominativas.