El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

A CORUÑA

A Banda Municipal de Música da Coruña reforza a aposta polo talento galego

15-10-2026 18:30:25
Presentado a programación de outono.

REDACCIÓN | A Banda Municipal de Música da Coruña presentou hoxe a programación do seu ciclo de outono 2026, unha proposta artística que incluirá oito concertos entre os meses de outubro e decembro e que reafirma o compromiso da formación coa excelencia musical, a difusión do patrimonio galego e a colaboración coas principais entidades culturais da cidade. 

Na presentación participou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que puxo en valor o papel da banda como unha das institucións culturais máis representativas da cidade. "A Banda Municipal de Música da Coruña é un referente cultural que combina tradición, excelencia e vocación de servizo público. A nova programación é diversa e de calidade, achegando a música á cidadanía e fortalecendo as colaboracións co tecido cultural e educativo da nosa cidade", sinalou o edil. 

A nova temporada estará guiada, unha vez máis, polo director titular da formación, Juan Miguel Romero Llopis, e ofrecerá un amplo mosaico de estilos e repertorios, desde a música sinfónica universal ata propostas contemporáneas e estreas, cunha especial atención ao talento galego e coruñés. A programación mantén como eixo vertebrador o compromiso con Galicia e coa Coruña, incorporando artistas, compositores e agrupacións do país, ademais de reforzar a colaboración con entidades como o Coro da OSG, os conservatorios da cidade ou a escola de danza L’Atelier ou a agrupación tradicional Cantigas da Terra. 

A temporada arrancará este domingo (12.15 horas) no Teatro Rosalía de Castro co concerto de presentación, que contará coa participación da fagotista lalinense María José Rielo, actualmente fagot solista da Orquestra do Liceu de Barcelona. O programacontinuará o 25 de outubro (12.00 horas) no Centro Ágora con ‘A Follia da Danza’, protagonizado pola frautista María Rosa Jimeno. 

Xa en novembro, o Teatro Colón acollerá ‘O son da Trompa’ (8 de novembro ás 12.15 horas), un concerto dedicado a este instrumento coa participación dos trompistas galegos Estefanía Beceiro e Pablo Neva, mentres que o Palacio da Ópera será escenario da Gala Aniversario Manuel de Falla (15 de novembro ás 19.30 horas), coa cantante Sandra Calderón e o grupo de danza L’Atelier. 

A programación inclúe tamén a visita do director convidado Cristóbal Soler (29 de novembro ás 12.15 horas no Teatro Colón); o concerto ‘Tango sinfónico’, co pianista arxentino afincado na Coruña Claudio Méndez (13 de decembro ás 12.15 horas no Teatro Colón); e un concerto de Nadal que contará coa participación de alumnado de Educación Primaria da cidade (20 de decembro, ás 12.15 horas, no Teatro Colón). 

Ademais da súa actividade concertística, a Banda Municipal continuará colaborando nas principais iniciativas culturais impulsadas ou apoiadas polo Concello, como o Festival RESIS, o Festigual ou a Semana do Cinema Galego, mantendo tamén a súa dimensión pedagóxica e de divulgación musical.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias