REDACCIÓN | A alcaldesa, Inés Rey, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participaron hoxe no acto de celebración do 50º aniversario do club CRAT de rugby. Rey subliñou a estreita colaboración do Concello coa entidade para promover o deporte e a integración ao longo dos anos. “Creo que o Concello demostrou unha e outra vez que é, e sempre será, un fiel aliado deste equipo en todas as súas vertentes e versións. Estaremos sempre ao seu lado para apoiar este proxecto de todas as formas posibles. Por exemplo, da man do CRAT e EMALCSA, fixemos posible ser a sede este ano do Campionato de España de Rugby Inclusivo, apostando unha vez máis polo deporte como ferramenta de inclusión, convivencia e transformación social”, apuntou.
Ademais, Rey destacou especialmente o gran momento que está a vivir o equipo sénior feminino: “Elas representan moi ben o carácter dunha cidade de primeira como A Coruña: inconformista, traballadora, orgullosa do que é e disposta a competir con calquera, sen complexos. Cando vemos estas xogadoras defender as cores do CRAT, vemos tamén unha parte do que somos como cidade. Vemos esforzo, talento, compromiso e unha enorme capacidade para superar as dificultades”.
No acto tamén houbo espazos para lembrar ás figuras destacadas la historia do club desde a súa fundación, cun recordo especial para aqueles que estiveron involucrados no nacemento, ligado á Escola de Arquitectura Técnica da Coruña, no ano 1976. “Nesta celebración dunha historia tan bonita e tan emocionante, é inevitable lembrar a todos e todas os que achegaron o seu esforzo e cariño ao longo destas cinco décadas. Eles foron os piares sobre os que se construíu o que o CRAT é hoxe. Persoas como Ignacio Lobón etantos outros que puxeron as primeiras pedras deste bonito edificio conxunto. Para eles e elas é hoxe o noso recordo, o noso agarimo e o noso agradecemento”, rememorou a alcaldesa.