El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación explora como a prescrición cultural está a contribuir á saúde e ao benestar

19-10-2026 10:45:23
As participantes.

REDACCIÓN | Como pasar de experiencias puntuais de prescrición cultural a iniciativas estables que formen parte das políticas públicas de saúde? Este foi un dos principais retos abordados na xornada Cultura e saúde comunitaria, celebrada o pasado sábado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que reuniu profesionais de Galicia, Euskadi e Portugal para analizar como a participación cultural pode contribuír á saúde mental, á prevención da soidade non desexada e ao benestar comunitario. 

O encontro abordou a prescrición cultural, unha práctica que conecta os recursos culturais cos servizos sanitarios para favorecer o benestar das persoas, e analizou as condicións necesarias para consolidar estas iniciativas, desde a coordinación entre profesionais ata o financiamento e a avaliación de resultados.  


Experiencias de Portugal, Euskadi e Galicia 

Fátima Vieira, profesora catedrática da Universidade do Porto, presentou o traballo do Consórcio de Prescrição Cultural de Portugal e abordou as evidencias sobre os beneficios da participación cultural para a saúde mental, especialmente en persoas con ansiedade ou estrés. Subliñou que a prescrición cultural debe partir dos profesionais sanitarios e complementar, nunca substituír, os tratamentos médicos. Tamén destacou a necesidade de superar a temporalidade dos proxectos piloto e avanzar cara a políticas públicas con financiamento estable e mecanismos de avaliación. 

Pola súa banda, Marta Font Cifré, directora de Estratexia, Consultoría e Innovación Social de K6 Gestión Cultural e directora de Gertu Kultura, compartiu a experiencia desta rede de Euskadi, que conecta equipamentos culturais, entidades sociais e servizos sanitarios. Entre as iniciativas presentadas destacou Kulturatik ekin. Osasun Komunitarioa, desenvolvido con Osakidetza –Servizo Vasco de Saúde– e seis concellos vascos, que promove a participación cultural de persoas maiores para previr a soidade non desexada.  

Font incidiu na importancia de ir máis alá da oferta de actividades e crear espazos nos que as persoas establezan vínculos, participen nas decisións e se sintan parte da comunidade. A proximidade, a accesibilidade, a mediación e a continuidade son elementos fundamentais deste enfoque. 

A perspectiva galega chegou da man de Mercedes Seoane Bouzas, terapeuta ocupacional, psicóloga e profesora da Universidade da Coruña, que abordou o papel da cultura na saúde mental desde os dereitos, a autonomía e a inclusión social. Seoane defendeu a necesidade de combater o estigma e crear espazos culturais inclusivos nos que as persoas poidan participar sen quedar definidas polo seu diagnóstico. 

“As persoas non poden quedar reducidas a un diagnóstico. Necesitan espazos nos que participar, relacionarse e desenvolver os seus intereses, como calquera outra persoa. A cultura pode contribuír a crear esas oportunidades e a que cada quen sexa recoñecido polo que é e polo que pode achegar á comunidade”, sinalou Seoane. 


Propostas para integrar cultura e saúde nas comunidades 

As intervencións deron paso a unha dinámica de traballo colectivo arredor de dous retos: integrar cultura e saúde en contornas próximas e garantir a continuidade e a sustentabilidade dos proxectos. 

Entre as propostas destacou impulsar creacións artísticas desde as propias comunidades, mediante convocatorias a artistas e iniciativas de cinema, teatro ou circo, inclusivas para a veciñanza e acompañadas por profesionais sanitarios, que poidan servir de modelo para outras localidades. 

Para garantir a continuidade, as persoas participantes propuxeron identificar as necesidades reais das comunidades e promover liderados locais capaces de manter vivos os proxectos. Tamén se destacou a importancia de dar visibilidade ás experiencias en festivais e outros espazos culturais, favorecendo que inspiren novas iniciativas e xeren unha demanda de participación desde a propia cidadanía. 

Con este encontro, a Deputación da Coruña pecha as xornadas de outubro dedicadas á relación entre cultura, acción social e saúde comunitaria, dous espazos de intercambio para explorar novas formas de colaboración e avanzar cara a unha cultura entendida como dereito e conectada coa vida das persoas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias