El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Más noticias

A CORUÑA | PONTEVEDRA

A Coruña e Pontevedra acollerán o regreso de "As Cigarreiras"

Reivindica a memoria obreira das mulleres da Fábrica de Tabacos.

20-10-2026 14:01:03
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey (3d).

REDACCIÓN | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou hoxe na presentación da xira galega de ‘As Cigarreiras’, o grande espectáculo musical e teatral promovido pola Banda Municipal de Música da Coruña e Cántigas da Terra, que se representará no Palacio da Ópera o vindeiro 19 de novembro antes da súa estrea no Pazo da Cultura de Pontevedra o día 26, dentro da programación de Culturgal. No acto tamén estiveron presentes Juan Miguel Romero Llopis, director da Banda Municipal da Coruña; Luis Bolón, director musical de Cántigas da Terra; Camilo Franco, director de Culturgal; Isabel Risco, actriz protagonista do espectáculo; e Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. 

Tras o éxito da representación de ‘As Cigarreiras’ na Semana Clásica das Festas de María Pita 2025, a BMMC e Cántigas da Terra volven a colaborar nesta iniciativa que promove o Concello. A alcaldesa puxo en valor unha produción que recupera a memoria das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Palloza e da revolta protagonizada polas cigarreiras en 1857, considerada unha das primeiras loitas sindicais lideradas por mulleres en Europa. “As Cigarreiras é un exemplo extraordinario de como a cultura nos permite recuperar a nosa historia e dar voz ás mulleres que contribuíron a construír a Coruña que hoxe coñecemos. Trátase dun espectáculo que emociona, que reivindica a nosa memoria colectiva e que proxecta a nosa identidade cultural cara ao futuro”, sinalou Rey. 

A rexedora destacou tamén a colaboración entre dúas entidades de referencia na cidade. “A Banda Municipal leva décadas achegando a música clásica e contemporánea á cidadanía a través dunha programación de enorme calidade e cunha especial atención aos vínculos de Galicia co seu repertorio. É unha institución cultural imprescindible que contribúe ademocratizar o acceso á cultura e a formar novos públicos”, afirmou. Rey quixo recoñecer igualmente o labor de Cántigas da Terra, entidade que se atopa inmersa nunha nova edición do Ciclo de Coros Galegos. 

“Estamos a falar dun referente cultural non só da Coruña senón de toda Galicia. A súa traxectoria centenaria na defensa e divulgación da lingua, da música, do baile e das tradicións galegas converteuna nunha institución fundamental para a preservación e transmisión da nosa cultura”, indicou. 

Máis dun cento de artistas participan en As Cigarreiras, unha produción que combina música sinfónica, canto coral, teatro e danza para recrear a historia das traballadoras da antiga Fábrica de Tabacos. A proposta reúne sobre o escenario a Banda Municipal de Música da Coruña, o Coro Galego Cántigas da Terra e o Grupo de Baile Santaia, ademais dun destacado elenco interpretativo encabezado por Isabel Risco. 

A obra recupera e actualiza o xénero da estampa galega para render homenaxe ás mulleres que protagonizaron a revolta do 7 de decembro de 1857, un episodio fundamental da historia social e laboral da cidade. A través da música, do teatro e da danza, o espectáculo percorre a historia da fábrica e das súas traballadoras, ao tempo que reivindica a memoria dun acontecemento clave para o movemento obreiro. 

“A Coruña é unha cidade con talento, creatividade e unha rica tradición cultural. Proxectos como As Cigarreiras son a mellor demostración da capacidade das nosas entidades e profesionais para crear propostas innovadoras a partir do noso patrimonio e da nosa historia”, concluíu a alcaldesa. 

Os convites para o espectáculo do Palacio da Ópera estarán dispoñibles a partir das 13.00 horas deste martes 20 de outubro en Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. Cada persoa pode retirar ata cato convites.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias