REDACCIÓN | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou hoxe na celebración do 140 aniversario da Cámara de Comercio da Coruña, presidida por Antonio Couceiro, onde reivindicou a ambición histórica da cidade e a súa capacidade para liderar o desenvolvemento económico, social e tecnolóxico de Galicia: “A Coruña é unha cidade que non sente vertixe cando mira cara a súa propia historia. Os coruñeses e as coruñesas fomos, somos e seguiremos sendo ambiciosos”, afirmou.
A alcaldesa tamén destacou o legado das institucións centenarias da cidade e lembrou a traxectoria de institucións como a Real Academia Galega, Hijos de Rivera, o Real Club Deportivo ou o Circo de Artesáns e a súa contribución ao progreso: “A Coruña non vive do seu pasado nin quere converterse nunha cidade museo. A nosa fortaleza está na capacidade de seguir transformándonos”, sinalou.
Nese sentido puxo en valor a consolidación da Coruña como un dos principais polos tecnolóxicos e de innovación de Galicia, con proxectos como a AESIA e a Cidade das TIC, así como a súa vocación atlántica, que hoxe ten continuidade a través de Coruña Marítima. “Seguimos mirando ao mar coa mesma ambición, convencidos de que o noso porto non é só unha parte fundamental da nosa historia, senón tamén unha das grandes portas ao futuro da Coruña”, destacou.
Rey reivindicou tamén o peso económico da Coruña e da súa área metropolitana, defendendo a necesidade de acompañar o seu dinamismo con investimentos, infraestruturas e políticas públicas que permitan transformar o crecemento en emprego de calidade e benestar social. Finalmente, felicitou a Cámara de Comercio polos seus 140 anos de historia, destacando que “soubo ser tamén unha cámara de eco da propia sociedade coruñesa, das súas inquedanzas, das súas aspiracións e, sobre todo, da súa ambición”.