El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón acusa a Rueda de ser unha máquina de pobreza e desigualdade coas súas políticas en contra da maioría social

21-10-2026 12:05:03
A portavoz nacional, Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou na sesión de control ao Goberno de Alfonso Rueda de ser “unha fábrica de pobreza e de desigualdade” coas súas políticas en contra da maioría social, o que evidenciou con dúas cifras moi reveladoras. 

A primeira, que o peso dos salarios sobre o PIB é do 44,2% en Galiza, unha porcentaxe que baixou mentres no conxunto do Estado subiu até situarse no 48%. E, a segunda, que neste momento hai no País 600.000 persoas en risco de pobreza ou de exclusión social, unha cifra que se incrementou en 91.000 persoas só no último ano, segundo os datos da Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social.     

Neste contexto, Pontón recriminou ao PP que os “sacrificios” que está pedindo estes días sexan para “os de sempre”, para as familias que teñen que pagar unha factura da luz disparada mentres Rueda veta unha tarifa eléctrica máis barata. “O vento é noso, pero as familias pagan e as eléctricas fórranse”, criticou. 

Sacrificios tamén, afondou, para a xente que non pode acceder a unha vivenda e á que o presidente da Xunta responde rebaixando un ano máis nos orzamentos os impostos ás construtoras ou con anuncios propagandísticos que logo non cumpre. 

“Prometeu que a finais de 2026 poñería a disposición dos galegos 1.800 vivendas en alugueiro social, de momento só entregou 98 e faltan pouco máis de dous meses para que acabe o ano. Vai cumprir a súa promesa, si ou non?”, cuestionou a un Rueda que evitou a resposta no Parlamento por terceira vez. 

A líder nacionalista afeou ao titular do Executivo que siga sen responder a unha pregunta sobre un anuncio que fixo el mesmo. “Non di que vostede cumpre a súa palabra? O que pasa é que ni en 2026, nin en 2027, nin en 2028, que as faremos, si, cando o BNG teña responsabilidades de goberno neste País”, augurou.  

Neste sentido, recordoulle que a vivenda é o principal problema que teñen as familias galegas, pese ao que se nega a regular as zonas tensionadas para permitir controlar os alugueres mentres mantén no rexistro oficial da Xunta centos de vivendas turísticas ilegais. “Non falla, o Partido Popular, sempre do lado da especulación”, remarcou. 

E cando o PP fala de sacrificios tamén se refire ás persoas que cobran as pensións máis baixas, advertiu Pontón, quen lembrou que a suba prevista para estas prestacións nos orzamentos de Rueda para 2027 é de tan só 2,5 euros ao ano, “20 céntimos ao mes, iso si, cunha partida que está conxelada, mentres lle baixa 40 millóns de euros ás persoas con máis patrimonio de Galiza”, afeou. 

“Para as pensións máis baixas, 2,5 euros ao ano, para os grandes patrimonios, 5.700, así é como reparte o Partido Popular os sacrificios”, incidiu, para remarcar a continuación que todo isto acontece nunha Galiza que soporta unha suba de prezos por riba da media do Estado, con salarios e con pensións que cada vez dan para menos. 

“A xente no pode pagar un alugueiro, pero vostede beneficia ás construtoras, a xente non pode pagar a factura da luz, pero vostede beneficia ás eléctricas, a xente non pode pagar a cesta da compra, pero vostede beneficia aos que máis teñen”, sintetizou a un Rueda ao que lle advertiu que as consecuencias das súas políticas son evidentes. “Cada vez máis desigualdade e máis pobreza”, resumiu. 

A líder do BNG defendeu a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para abaratar o prezo da luz, pero lamentou o veto do Goberno do PP tanto a esta medida como á creación dunha empresa pública de enerxía “porque prefire beneficiar ás eléctricas”. 

En materia de vivenda, propuxo destinar unha partida de 240 millóns de euros para a compra de 1.400 pisos baleiros para poñelos en alugueiro social e afeou a Rueda que desperdiciase a ocasión de comprar 7.000 vivendas de promoción pública que se venderon nos últimos anos, tal e como está facendo o Goberno vasco, que vén de mercar 500. 

“Vostede non quere facer absolutamente nada disto porque a vostede non lle interesan os problemas da maioría, o problema é que gobernan para os jetas e non para os currantes e este País precisa un goberno que se preocupe pola súa xente”, criticou. 

Nesta liña, replicou ao titular do Executivo que a quen se lle está facendo longa a lexislatura é aos galegos e ás galegas porque “se lles fan moi longas as listas de espera” na sanidade, “se lles fai moi longo agardar polas vivendas” que el mesmo prometeu e que nunca chegan ou se lles fai tamén moi longo “ter que pagar unha factura da luz que cada vez é máis alta” sen que o seu goberno ofreza ningunha solución real aos seus problemas. 

“Escoitándoo aquí utilizando a sesión de control para facer campaña cutre por Feijóo, o único que queda en evidencia é que non ten nada que ofrecerlle a este País”, recriminou a un Rueda o que pediu para concluír que “se non pode, non sabe ou non quere, deixe paso”. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias