El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Más noticias

A CORUÑA

Lage Tuñas defende a coordinación metropolitana para o progreso social

Sinala a Barcelona como exemplo de políticas públicas de cohesión social.

21-10-2026 14:54:12
José Manuel Lage Tuñas (2i).

REDACCIÓN | O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, defendeu hoxe a coordinación metropolitana como instrumento para impulsar o progreso económico e social, mellorar os servizos públicos e reforzar a cohesión territorial. 

Foi durante a súa participación nunhas xornadas organizadas pola Área Metropolitana de Barcelona (AMB), que contou tamén con representantes públicos de Valencia, Málaga, Bilbao, Zaragoza, Tarragona y Cornellà. Lage sinalou a Barcelona como un bo exemplo de cooperación institucional e de políticas públicas de cohesión social, defendendo a necesidade de construír un modelo metropolitano propio para A Coruña, baseado no diálogo e a colaboración voluntaria entre municipios. 

“Entendemos o proxecto metropolitano como unha decisión colectiva, onde teñen que estar de acordo a maioría dos concellos, débese facer sen imposicións, con diálogo, e pensando na maioría dos cidadáns, en mellorar a súa calidade de vida e os servizos que reciben”, sinalou. 

Lage defendeu tamén que o futuro metropolitano da Coruña non depende de crear unha nova administración, senón de establecer unha nova forma de cooperar, dando prioridade aos servizos públicos e ás necesidades da cidadanía. 


Unha proposta á Xunta para crear o Consorcio Metropolitano de Transportes 

O concelleiro situou a mobilidade como unha das principais prioridades metropolitanas e propuxo á Xunta abrir un diálogo cos concellos para constituír unha autoridade metropolitana do transporte mediante un consorcio que permita compartir a súa xestión e planificación. 

“É necesario que a Xunta entenda que debe crearse un consorcio metropolitano de transportes da Coruña e compartir a xestión e a planificación. Agora mesmo o problema é acuciante e a Xunta foi incapaz de resolver o problema da mobilidade metropolitana a pesar de ter as competencias”, afirmou Lage. 

O primeiro tenente de alcaldesa subliñou que os cidadáns padecen diariamente as consecuencias da falta de coordinación do transporte público. “Os cidadáns non entenden de fronteiras administrativas. Viven nun municipio, traballan noutro e desprázanse diariamente por toda a área metropolitana. Necesitamos respostas conxuntas para unha realidade que xa é metropolitana”, explicou. 


Planificación territorial compartida e experiencia en servizos públicos 

Xunto á mobilidade, Lage defendeu a necesidade de avanzar nunha planificación territorial metropolitana que permita abordar conxuntamente as políticas de vivenda, os novos desenvolvementos residenciais, as infraestruturas e os grandes equipamentos. 

“As competencias son autonómicas, pero a realidade é metropolitana. Temos que planificar conxuntamente a vivenda e a mobilidade, porque as necesidades dos cidadáns superan os límites administrativos de cada concello”, sinalou. 

O concelleiro lembrou que A Coruña conta cunha experiencia consolidada de cooperación supramunicipal a través de EMALCSA, no abastecemento de auga; da empresa pública EDAR Bens, que presta servizo á Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros; e da planta municipal de tratamento de residuos de Nostián. “Estas experiencias demostran que é posible compartir servizos públicos de maneira eficiente. A Coruña conta cunha boa base para seguir avanzando na cooperación metropolitana”, destacou. 

Finalmente, Lage Tuñas reiterou a vontade do Goberno municipal de impulsar este proceso desde o diálogo cos concellos da contorna, o consenso e o liderado compartido. “Haberá que facelo con moito diálogo e seguramente por fases, pero sempre tendo claro que é necesario mellorar os servizos aos cidadáns”, explicou. 

“O noso compromiso metropolitano é construír acordos e ofrecer solucións concretas. Non se trata de crear novas estruturas administrativas, senón de mellorar os servizos públicos e a calidade de vida dos cidadáns mediante a cooperación entre concellos”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias