REDACCIÓN | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou hoxe en Lleida no congreso ‘Dones que mouen ciutats’ (Mulleres que moven cidades), un encontro que reuniu a representantes institucionais, académicas e profesionais de diferentes ámbitos para reflexionar sobre o liderado feminino, a igualdade e a participación das mulleres nos espazos de decisión.
Rey interviu na mesa redonda ‘Dret a la governança igualitària. Avançant en el poder distribuït i els lideratges compartits’, coordinada pola secretaria xeral do Departamento de Igualdade e Feminismo da Generalitat de Catalunya, Sònia Guerra López. Compartiu o debate coa reitora da Universidade de Lleida, M. Àngels Balsells; a profesora da Universidade Autónoma de Barcelona Sara Moreno; a codirectora xeral de Suara Cooperativa, Laura Peracaula; e a CEO de Airbus GeoTech, Roser Roca.
Durante a súa intervención, a alcaldesa agradeceu ao Concello de Lleida a organización do encontro e a súa aposta por impulsar unha rede de cidades intermedias que sitúe a igualdade no centro da cooperación municipal. “Cando constituímos redes de cidades hai outras prioridades e a igualdade adoita quedar para o final. Aquí decidistes comezar precisamente por ela”, destacou.
A alcaldesa reivindicou o papel das mulleres que contribúen diariamente ao desenvolvemento das cidades desde ámbitos como a economía, a investigación, osservizos públicos, o asociacionismo veciñal, a cultura ou o deporte. “Eu participo hoxe como alcaldesa, pero son alcaldesa dunha cidade que se move grazas a moitas mulleres que non gobernan, pero si transforman”, sinalou.
Rey reflexionou tamén sobre as dificultades que seguen atopando as mulleres para acceder e exercer responsabilidades de dirección e sobre a importancia de construír redes de apoio e colaboración. Neste sentido, puxo como exemplo o Encontro de Mulleres Alcaldesas que se celebra bienalmente na Coruña, un espazo para compartir experiencias de xestión e os retos persoais asociados ao exercicio da responsabilidade pública: “As mulleres non ocupamos espazos porque non nos son alleos. Estamos nos lugares que nos corresponden e non temos que pedir nin permiso nin perdón”, afirmou Rey, quen lembrou o significado de ser a primeira alcaldesa da democracia na Coruña.
A rexedora defendeu tamén a necesidade de incorporar a perspectiva de xénero de maneira transversal á acción municipal, desde a elaboración dos orzamentos ata o deseño dos espazos públicos e a prestación dos servizos. “A igualdade non pode depender unicamente do esforzo dunha concellería ou do compromiso persoal dunhas poucas mulleres. Ten que estar presente en todas as decisións”, explicou. Finalmente, Rey propuxo que a nova rede de cidades asuma un compromiso compartido para reforzar a presenza real das mulleres nos espazos de decisión e recoñecer o seu papel na transformación urbana.
Nereida Canosa presenta as políticas municipais de igualdade da Coruña na rede de cidades intermedias
A participación da Coruña no congreso completouse coa intervención da concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, na mesa ‘Xarxa de Ciutats Intermèdies’, na que compartiu as experiencias e prioridades das políticas feministas municipais xunto con representantes de Lleida, Pamplona e Getafe.
Canosa expuxo algunhas das iniciativas desenvolvidas na Coruña, como o programa de coeducación nos centros educativos, que o pasado ano chegou a máis de 4.600 estudantes; a rede estable de Puntos Violeta en 16 centros de ensino; ou a ampliación doservizo municipal de canguros a domicilio, que funciona desde as 7.00 ata as 23.00 horas e que permitiu case duplicar o número de menores atendidos nesta modalidade.
A concelleira tamén abordou a necesidade de conectar as políticas de atención ás vítimas de violencia machista co acceso á vivenda, ao emprego e aos servizos de conciliación, así como de incorporar a perspectiva de igualdade á contratación pública, especialmente nos servizos de coidados, prestados maioritariamente por mulleres.
Neste sentido, Canosa trasladou á nova rede unha proposta para desenvolver indicadores comúns que permitan analizar as condicións laborais nos servizos municipais de coidados, atendendo a cuestións como os salarios, a estabilidade, as xornadas ou a parcialidade, co obxectivo de compartir resultados e mellorar as políticas de contratación.
A edil destacou tamén a reactivación do Consello Municipal de Igualdade da Coruña como instrumento para incorporar a participación das entidades e das propias mulleres ao deseño e seguimento das políticas públicas. “Unha rede de cidades ten sentido cando nos permite ir máis alá do intercambio de experiencias e construír ferramentas compartidas para transformar as políticas públicas”, sinalou Canosa, quen insistiu en que as políticas feministas municipais deben traducirse en recursos, servizos e decisións concretas que melloren a vida das mulleres.