REDACCIÓN | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou hoxe na conmemoración do Día do Dano Cerebral Adquirido, celebrada na praza de María Pita xunto á Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO). O acto contou coa presenza do presidente da entidade, Juan Luis Delgado, así como de persoas con dano cerebral adquirido, familiares e profesionais, e incluíu a lectura dun manifesto para lles dar visibilidade ás necesidades do colectivo e reivindicar unha atención integral.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou a importancia de comprender unha realidade que pode transformar a vida dunha persoa e da súa contorna dun día para outro. Un ictus, un accidente ou unha lesión cerebral poden afectar capacidades tan cotiás como falar, camiñar, lembrar ou desenvolver tarefas con autonomía. Neste sentido, Rey lembrou que “non todas as secuelas do dano cerebral son visibles” e apelou á necesidade de superar os prexuízos e mellorar o coñecemento social sobre esta realidade.
A alcaldesa puxo tamén o foco nas familias e nas persoas coidadoras, que en moitas ocasións deben reorganizar a súa vida para atender as novas necesidades dunha persoa achegada. Rey reivindicou máis recursos e acompañamento para quen asume estas responsabilidades, e lembrou que “coidar tamén require ser coidado” e que o esforzo das familias debe contar cunha resposta efectiva por parte das administracións públicas.
O compromiso municipal coa atención e o apoio ás familias
O Concello da Coruña mantén unha colaboración estable con ADACECO a través dun convenio dotado con 20.000 euros anuais, destinado ao desenvolvemento do servizo de respiro familiar e á orientación das persoas coidadoras. Este programa contribúe a aliviar a carga dos coidados e facilitarller ás familias espazos de descanso, apoio e acompañamento.
A colaboración municipal foi tamén fundamental para impulsar o proxecto do novo centro de ADACECO en Eirís. En 2019, o Concello cedeulle á entidade unha parcela municipal de aproximadamente 1.920 metros cadrados durante 75 anos, destinada á construción dun equipamento que permitirá mellorar os servizos de atención e rehabilitación especializada.
O Goberno municipal facilitou, ademais, a tramitación urbanística necesaria para o desenvolvemento do proxecto, co estudo de detalle aprobado definitivamente en marzo de 2024. A primeira pedra das instalacións colocouse en outubro dese mesmo ano. O novo centro está concibido para ofrecer espazos adaptados ás necesidades das persoas usuarias e reforzar os recursos de rehabilitación e acompañamento ás familias.
Neste sentido, Inés Rey destacou que “a inclusión e o benestar das persoas teñen que traducirse en feitos”, poñendo en valor a continuidade da colaboración municipal con ADACECO e a aposta do Concello por unha cidade máis accesible e inclusiva.
A conmemoración serviu tamén para recoñecer a traxectoria de ADACECO, que leva máis de 25 anos traballando coas persoas con dano cerebral adquirido e coas súas familias. A entidade, nacida do impulso dun grupo de familiares, converteuse nun referente na atención especializada na Coruña, con servizos de fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, psicoloxía e traballo social, entre outros.
Baixo o lema “Non se pode previr o que non se coñece”, a campaña deste ano chama a atención sobre a importancia da información e da sensibilización para previr o dano cerebral adquirido e comprender as súas consecuencias, incluídas aquelas que non son visibles a primeira vista.
Durante o acto, a alcaldesa incidiu tamén na necesidade de garantir que a atención ás persoas con dano cerebral continúe máis alá da alta hospitalaria, a través da rehabilitación, dos apoios sociais e dos recursos que favorezan a autonomía persoal. Neste sentido, sinalou que “o importante é poder seguir vivindo con autonomía, con dignidade e con oportunidades”, e reivindicou unha atención que dea resposta ás necesidades das persoas afectadas e das súas familias en todas as etapas do proceso.
Inés Rey pechou a súa intervención agradecendo o traballo desenvolvido por ADACECO ao longo de máis de 25 anos e reiterou a vontade do Concello de continuar colaborando coa entidade. A rexedora lembrou que “unha cidade mellor é aquela que non deixa a ninguén atrás” e trasladou ás persoas afectadas e ás súas familias que poden seguir contando co apoio municipal.