REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo hoxe un encontro co Consello Regulador da Denominación de Orixe 'Mexillón de Galicia', en defensa da acuicultura galega e para escoitar as súas análises sobre a situación do sector, o impacto do cambio climático na produción ou o reto ante a competencia que sofre o mexillón galego no mercado europeo.
“O selo de calidade da Denominación de Orixe 'Mexillón de Galicia' é, precisamente, por ser galego, polas garantías que existen e se cumpren durante todo a cadea de produción”, sinala Ana Miranda. “Por iso os consumidores deben contar con información transparente e xusta, así o quere tamén o sector”.
A delegación desprazada ao Consello Regulador do mexillón galego, con sede en Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, tamén estivo formada por Rosana Pérez, deputada do BNG no Parlamento de Galiza, membro da Comisión de Pesca e Marisqueo; Liso González, portavoz e concelleiro do BNG en Cambados; e Anselmo Noia, portavoz en O Grove.
“O Consello Regulador é un organismo moi importante para que un produto excepcional de primeirísima calidade como o mexillón galego poida chegar ao consumidor final con tódalas garantías e coa etiquetaxe clara”, subliña a deputada Rosana Pérez, quen pide que “a normativa europea distinga claramente que é mexillón galego”.
O obxectivo tamén foi explicar a defensa permanente do mexillón galego dende o Bloque no Parlamento Europeo e no da Galiza, destacando a importancia do sector para o territorio en termos de riqueza económica, emprego e tamén os seus beneficios nos ecosistemas. En Galiza hai máis de 3.300 bateas distribuídas ao longo da costa con 12.000 traballadores e traballadoras dependentes desta actividade e cunha facturación anual de preto dos 125 millóns de euros.
O mexillón galego ante o desafío en Europa
No encontro, os representantes do Bloque analizaron con Joaquín Garrido, Secretario Xeral do Consello Regulador da Denominación de Orixe 'Mexillón de Galicia', e con Ángeles Longa Portabales, do Departamento de Innovación dese organismo, a situación do sector. Ana Miranda trasladoulles “o traballo que se fai en Bruxelas na defensa da orixe do produto e da trazabilidade, de medidas concretas á Comisión Europea para mellorar a rendabilidade e evitar a competencia desleal de produtos sen as garantías europeas. Sabemos o que está a prexudicar ao mexillón galego e é inadmisíbel”.
A visita prodúcese logo da Visión 2040 para a Pesca e a Acuicultura, presentada pola Comisión Europea recentemente. Este documento de traballo considera a acuicultura como un piar estratéxico do sistema alimentario europeo do que pretende simplificar a gobernanza para facilitar os investimentos. Bruxelas recoñece a necesidade de mellorar a rendabilidade e garantir ingresos xustos para os produtores.
No caso específico do mexillón galego, o sector atravesa problemas pola competencia desleal do produto chegado de Chile, libre de aranceis e con menores obrigas legais, ademais dunha produción tanto de fresco como de transformado que acadou os niveis máis baixos da última década.
“Na comunicación Visión 2040 presentada, a Comisión fala de reforzar a confianza dos consumidores fomentando a trazabilidade dixital do produto ao longo da cadea de subministración. É precisamente o que lle levamos pedindo no BNG dende hai tempo. Pero non chega coas boas intencións, queremos medidas concretas que eviten, por exemplo, que o mexillón chileno se introduce no mercado único como se fose un produto europeo”, advirte Ana Miranda.