REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, advertiu hoxe no Parlamento de Galicia que os concellos “están ao borde do crack financieiro afixiados polos custes” e atopan “serias dificultades operativas” para enfrontar o pago dos servizos públicos. Formoso comparceu hoxe ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos da Cámara autonómica para presentar as liñas mestras dos orzamentos provinciais de 2027.
Na súa intervención, situou o infrafinanciamento dos concellos galegos e o contraste entre a xestión provincial e autonómica no centro do debate institucional. De feito, sinalou que, aínda que a Xunta recolle nos seus Presupostos para o vindeiro exercicio un incremento do Fondo de Cooperación Local nun 8,4 %, ese aumento dista de cumprir coas necesidades das entidades locales. “Recoñecendo o avance, resulta insuficiente”, afirmou.
O presidente provincial puxo de manifesto a grave situación financeira que atravesan os 93 concellos da provincia pola escalada de custos nos servizos básicos —como a enerxía, o lixo, a depuración ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)— e pola transferencia incesante de competencias impropias sen financiamento por parte da Administración Autonómica.
Diante desta realidade, contrapuxo a resposta de ambas administracións nos seus proxectos orzamentarios: mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destina 203 millóns de euros para os 313 municipios de Galicia —o que supón un 1,3 % do orzamento autonómico de 15.158 millóns—, a Deputación da Coruña mobiliza o 28,28 % dos seus recursos directos para a asistencia municipal.
"En termos relativos, o esforzo financeiro da Deputación para finaciar aos concellos multiplica por vinte o da Xunta de Galicia: mentres a autonomía destina o 1,3% dos seus ingesos aos municipios, a Deputación destina máis do 20 % do seu orzamento para o sostemento da administración local”, destacou o presidente durante a súa comparecencia.
Ao mesmo tempo, denunciou que a Deputación non recibe nin un só euro do Fondo Galego de Cooperación Local, incumprindo o mandato do artigo 142 da Constitución Española. A esta situación súmase que a institución provincial destina 20.150.177,70 euros ao mantemento de seis centros educativos e de atención a menores que son competencia exclusiva da Xunta, asumindo un déficit neto de 18,98 millóns de euros anuais que poderían reverter directamente nos concellos se a Comunidade Autónoma asumira as súas responsabilidades.
Orzamentos récord e Débeda Cero
A Deputación da Coruña contará en 2027 cos maiores orzamentos da súa historia, alcanzando os 293.930.000 euros, o que supón un incremento do 14,6% (33,3 millóns de euros máis) grazas ao aumento das transferencias do Estado. As contas manterán por décimo ano consecutivo a débeda cero, sen recorrer a operacións de crédito nin a custos financeiros. Entre as principais partidas e programas provinciais destacan:
.- Plan Único de Concellos (POS+ 2027): Acadará os 92 millóns de euros (+4,54%), incluíndo unha liña específica de POS Social dotada con 8 millóns de euros. Sumando as convocatorias de subvencións xa publicadas, a Deputación pon a disposición directa dos concellos 115,16 millóns de euros para 2027.
.- Servizo de Axuda no Fogar (SAF): A Deputación eleva o prezo/hora financiado aos concellos de 14 € a 16 €/hora, financiando un total de 395.804 horas de atención aos maiores no rural.
.- Plan de Emprego Local (PEL): Incrementase un 15,34% ata os 18,8 millóns de euros, reforzando o apoio aos autónomos en municipios de menos de 10.000 habitantes.
.- Casas de Acompañamento ás Persoas Maiores (CAM): Avanzase no novo modelo público residencial de 5ª xeración nas Pontes, Rianxo e Ordes para previr o desarraigo da terceira idade.
.- MercaNaVila: O programa de apoio ao comercio local nas vilas de menos de 20.000 habitantes mobilizou xa máis de 6,4 millóns de euros en vendas e 2,82 millóns en descontos, superando a contía global do bono comercio da Xunta para toda Galicia.
.- Dixitalización e Infraestruturas: Asígnanse 1,34 millóns de euros para o proxecto Xemelgo Dixital Provincial de Calidade de Vida (3,36 M€ totais con fondos Red.es) e 37,39 millóns de euros para a conservación e mellora dos 2.050 quilómetros da rede viaria provincial.
O presidente concluíu a súa intervención defendendo a necesidade dunha “reforma financeira e lexislativa” que poña fin ao déficit de financiamento das entidades locais, co trasfondo dunha actualización da Ley de Impulso Demográfico e a reforma do proxecto de Ley de Administración Local de Galicia co fin de dotalo de recursos estruturais e reais que garantan a supervivencia dos municipios galegos.