REDACCIÓN | O PSdeG quere que os orzamentos galegos de 2027 inclúan 100 millóns para un Plan Galego de Adaptación Climática e Seguridade Hídrica e un Fondo Industrial de Equilibrio Territorial de 50 millóns para as provincias de Lugo e Ourense. Son dúas das novidades da alternativa de 1.236 millóns que o secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, presentou hoxe en rolda de prensa. Con ela argumentou a emenda á totalidade que o grupo rexistrou onte no Parlamento para pedir a devolución duns orzamentos que, sinalou Besteiro, “debilitan os servizos públicos e abren a porta a facer negocio co que debería ser un dereito”.
O secretario xeral do PSdeG lembrou que a boa marcha da recadación permite á Xunta dispoñer duns 900 millóns máis que o ano passado, que “chegan a través dese "sistema de financiamento que tanto critica o presidente da Xunta, Alfonso Rueda". Pero, engadiu, "o máis importante destes orzamentos é como afectan as contas á vida da xente".
E aí o socialista ve un PP que mantén o alivio fiscal aos grandes patrimonios mentres ofrece ao resto unha rebaixa do IRPF "realmente irrisoria", que deixa aos galegos e ás galegas "aproximadamente dous cafés ao mes". Como exemplo, sinalou que os bingos seguen coa rebaixa de impostos que se lles deu para recuperarse da covid. "Fíxense vostedes como establece o PP as súas prioridades en materia fiscal", ironizou. Para Besteiro, estas contas non alivian os problemas da xente, "o que fan é precisamente agravar eses problemas".
"Hoxe temos unha situación absolutamente dramática en relación coa vivenda e as políticas de Rueda non fan máis que agravala", afirmou. Así, destacou que as peticións de vivenda pública subiron un 150% desde que Rueda preside a Xunta e no último ano sumáronse á lista 41 persoas cada día.
Mentras, na sanidade, as persoas que levan máis dun ano esperando por unha consulta médica pasaron de 145 a 1.118 en doce meses. A iso súmase o aviso do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que xa anunciou que as taxas e os prezos dos servizos públicos subirán en canto se conteña a inflación. E todo, dixo Besteiro, “cunha economía galega que segue por detrás da española en salarios e en creación de emprego”.
Fronte a iso, o PSdeG propón mobilizar 1.236 millóns para reforzar os servizos públicos e conseguir que a bonanza económica "se traslade tamén a todas as familias galegas dunha forma real". Os cartos sairían de poñer fin aos privilexios fiscais das grandes fortunas e dos grandes patrimonios e de aplicar a condonación da débeda.
Os concellos levan a partida máis grande, con 289 millóns máis. Deles, 200 irían a un Plan Único de financiamento municipal aberto a todos, "á semellanza do que hai nas deputacións provinciais", e 30 a compensar integramente o canon de Sogama. Outros 50 millóns servirían para modernizar as redes de abastecemento e reducir as perdas de auga, unha obra que os concellos "sós non poden afrontar". Besteiro ligouna á seca, que "apareceu con toda crudeza este ano" e que, advertiu, "vén para quedar no noso país". Inclúe tamén 4 millóns para a capitalidade de Santiago e outros 4 para o Consorcio de Vigo. É a resposta á asfixia que denunciaron esta semana no Parlamento as deputacións da Coruña e Lugo.
No rural, o PSdeG reserva 100 millóns para un plan integral de prevención de incendios e de recuperación das zonas queimadas, porque hai moitas que "hoxe non están recuperadas". Engade 15 millóns para mellorar as condicións de quen traballa na prevención e na extinción, e outros 100 para o Plan Galego de Adaptación Climática e Seguridade Hídrica, para recuperar auga e evitar perdas, sobre todo lonxe dos grandes núcleos urbanos, onde a falta de auga castiga a actividade agrogandeira e forestal.
A outra gran novidade mira cara á Galicia interior. O Fondo Industrial de Equilibrio Territorial, de 50 millóns, quere desenvolver políticas industriais en Lugo e Ourense e está "dirixido especificamente a recuperar un equilibrio territorial", o que obriga, segundo os socialistas, a cambiar as prioridades de investimento da Xunta.
200 millóns adicionais para Vivenda
En vivenda, a emenda suma 200 millóns. Besteiro defendeu o Banco Público de Aluguer, que "onde se está aplicando está tendo uns resultados fantásticos", e a ampliación do Bono Alugueiro Mocidade. Os socialistas apoian as zonas tensionadas, cos beneficios fiscais para os arrendadores desas zonas, e destinan 40 millóns a residencias universitarias públicas. Tamén queren reforzar a rehabilitación de barrios, que a Xunta tende a abandonar, e actuar sobre a vivenda baleira, "que hai moita en Galicia", en lugar de fialo todo a pisos novos que obrigarán a esperar "durante moitísimos anos".
A sanidade recibiría 133,5 millóns máis, coa atención primaria como "verdadeira prioridade". Inclúe 23 millóns para persoal sanitario e non sanitario, logopedia, podoloxía, máis fisioterapia e traballo social e 19 millóns para saúde mental. En política social, os 185 millóns "por riba do propio incremento que fixa a Xunta" permitirían facer gratuíta a axuda no fogar e recuperar a Tarxeta Básica que o PP lles retirou ás familias máis vulnerables, ademais de impulsar residencias de proximidade cofinanciadas coas deputacións.
En educación, os 36 millóns máis recuperan a proposta socialista do comezo do curso, con profesorado de apoio, orientadores, coidados e a mellora de 60 centros. Engádense as bolsas comedor e o mantemento da gratuidade das taxas universitarias. A alternativa recolle ademais 30 millóns para liberar de peaxes a AG-55 e a AG-57, as autoestradas da Xunta, porque "o que pedimos para as autoestradas do Estado, tamén o apliquemos aquí".
Galicia vota en tres semanas e Besteiro cre que estes orzamentos pesarán nesa decisión, porque "do que estamos falando, tanto o 29 de novembro como agora, é de dous modelos". O do PP, dixo, que penaliza os dereitos sociais e fai que a bonanza "soamente beneficie a uns poucos". E o dos socialistas, con "unha aposta clara polos servizos públicos e polo seu fortalecemento, e non pola deriva cara ao privado e o debilitamento dos nosos servizos públicos".
Xa nas preguntas, insistiu en que ese debate é o mesmo que se decide en España, coa vivenda como "quinto piar do Estado do benestar" xunto ás pensións, á educación e á sanidade públicas e á dependencia. E citou a AP-9, cuxa transferencia votaron en contra PP e Vox no Congreso. "Non podemos reclamar a gratuidade da AP-9, pedir a transferencia, despois non querela, non aceptala, e seguir mantendo as peaxes na AG-55 e na AG-57", criticou.