REDACCIÓN | O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou hoxe na presentación da cuarta edición de Norte Cinema Diverso, o festival de cinema LGTBIQ+ da Coruña, que se celebrará entre os días 24 e 27 de novembro no Teatro Colón e na Filmoteca de Galicia. No acto estiveron tamén presentes o director do festival, Fernando Cayazzo; o produtor Renatto Mendoza; a directora e actriz Saamira Ganay; a actriz Berta Ojea; Jennifer Ruibal, integrante da organización e membro de CASCO; e Jaime Peña, representante da Filmoteca de Galicia.
A programación desta edición inclúe 16 producións, das cales cinco son galegas, repartidas entre catro longametraxes e 12 curtametraxes que abordarán cuestións relacionadas coa diversidade afectivo-sexual, a identidade de xénero, a memoria, os dereitos civís e a inclusión social. Durante a presentación, Gonzalo Castro destacou o valor dun festival que entende o cinema como unha ferramenta de encontro e reflexión colectiva. “Para o Concello da Coruña é unha satisfacción abrir novamente o Teatro Colón a un proxecto que entende o cinema non só como cultura, senón tamén como un espazo de encontro para toda a cidadanía. Un cinema que nos permite coñecer outras vidas, ampliar a nosa mirada e comprender mellor a diversidade da sociedade na que vivimos”.
A edición de 2026 contará por primeira vez coa colaboración da Filmoteca de Galicia, que acollerá o día 24 a sesión ‘Off Galicia. Curtas galegas Norte Cinema Diverso’, unha actividade que recuperará para a pantalla grande algunhas das curtametraxes galegas exhibidas nas tres primeiras edicións do certame.O festival abrirase oficialmente o mércores 25 de novembro cunha sesión dedicada ás mulleres directoras galegas, que incluirá as curtametraxes ‘Bolboreta’, de Lucinda Rey Escribano; ‘Corre’, de Saamira Ganay; e ‘Delincuente’, de Alba Domínguez Serén, ademais da longametraxe ‘As liñas descontinuas’, de Anxos Fazáns.
O programa continuará o día 26 con dúas sesións temáticas. A primeira delas, ‘Camiños de pedra’, incluirá o documental ‘Chemsex, un viaje al interior’, unha proposta centrada na saúde sexual e o benestar. Posteriormente, a sesión ‘Identidades nas marxes’ abordará cuestións como a exclusión social, os dereitos das persoas trans e o acceso á vivenda.
“Festivais como Norte Cinema Diverso contribúen a construír unha cultura máis aberta, plural e próxima á cidadanía. Desde o Concello defendemos unha política cultural que recoñeza a diversidade como un valor e que garanta que todas as persoas poidan atopar representación, diálogo e participación nos nosos espazos culturais”, sinalou Castro.
A programación concluirá o 27 de novembro cun encontro entre público e participantes do festival, a sesión de curtametraxes ‘Traxectos’, unha actuación acústica do grupo Zavala e a gala de clausura, na que se entregará o premio Trini Falcés á mellor curtametraxe. O certame despedirase coa proxección da longametraxe ‘Iván & Hadoum’, de Ian de la Rosa.