El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Lucas Ricoy
Ernesto González Valdés
Sociedad

AUTISMO GALICIA

Autismo Galicia recibe o Premio Rosa Ventoso ás Boas Prácticas no Congreso de AETAPI

23-11-2026 14:31:26
Premio Rosa Ventoso, no Congreso de AETAPI.

REDACCIÓN | A Federación Autismo Galicia recolleu o pasado xoves en Mallorca o Premio Rosa Ventoso ás Boas Prácticas da Asociación Española de Profesionais do Autismo (AETAPI) durante a presentación dos galardóns, que tivo lugar no marco do 22º congreso da asociación profesional. Este recoñecemento distingue un proxecto que mudou a forma na que as crianzas con trastorno do espectro do autismo (TEA) afrontan o electroencefalograma (EEG), unha das probas complementarias máis prescritas a este colectivo dada a elevada comorbilidade entre o TEA e a epilepsia. 


Un proceso xenérico que retrasaba a diagnose 

Na Unidade de Neurofisioloxía Clínica Pediátrica do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña, o 75 % dos pacientes pediátricos con autismo non lograba completar o rexistro da proba do EEG. Esta proba estaba deseñada para a poboación en xeral e, en consecuencia, inadaptada ás necesidades de quen percibe, comunica e anticipa o mundo doutro xeito. Polo tanto, a dificultade non residía nos pacientes, senón na concepción do proceso. 

Para as crianzas con TEA e as súas familias, realizar un electroencefalograma supoñía unha experiencia angustiosa, e a interrupción da proba, un atraso no diagnóstico, posto que implicaba repetir a cita. A consecuencia final era a perda sistemática de información diagnóstica nun grupo de pacientes no que o EEG cumpre unha función clínica esencial. 

Os profesionais da Unidade de Neurofisioloxía Clínica Pediátrica eran conscientes das dificultades que implicaba a realización dun electroencefalograma, dado que se trata dunha proba tecnicamente complexa que, en ausencia dunha abordaxe adaptada ás características comunicativas e sensoriais dos pacientes autistas, complicaba de forma significativa o seu traballo diario. 


Unha experiencia redeseñada sen grandes investimentos 

Para dar resposta a esta realidade, naceu a colaboración entre a Unidade de Neurofisioloxía Clínica Pediátrica e a Federación Autismo Galicia, que aportou o seu coñecemento especializado ao redeseño da proba diagnóstica. En coordinación coa xefa de servizo da unidade, Catia Martínez, puxéronse en marcha unha serie de medidas e preparáronse varios materiais informativos: 

1.- Unha ficha individualizada coas necesidades comunicativas, sensoriais e de conduta de cada paciente, que o servizo recolle por teléfono antes da cita. Un vídeo explicativo gravado no escenario real da proba. 

2.- Documentación con información anticipada que incorpora apoios visuais, que se envía ás familias desde o momento da cita. 

3.- A adaptación do espazo para facelo sensorialmente máis amigable. 

4.- A formación do equipo profesional en autismo, comunicación e accesibilidade cognitiva, de maneira transversal. 


Os resultados que avalan o novo enfoque 

Despois de implantar o protocolo, a totalidade dos electroencefalogramas pasou a achegar información diagnóstica útil, o que reverteu por completo a situación de partida. A avaliación coas familias confirmou tamén un alto grao de satisfacción, dado que a gran maioría valorou o trato recibido como moi bo. Ademais, opinaron que recomendarían o servizo e expresaron unha ansiedade igual ou menor á habitual do seu fillo ou filla ante calquera proba médica. 

Máis aló das cifras, as familias coincidiron nunha mesma idea: o trato humano. «Trataron o meu fillo con agarimo, comprensión, paciencia e, sobre todo, humanidade», escribiu unha delas, e pediu que a experiencia se estendese ao resto de consultas e probas. 


Un modelo replicable noutras probas, servizos e áreas sanitarias 

A vocación deste "Proxecto de humanización e accesibilidade cognitiva na Unidade de Neurofisioloxía Clínica Pediátrica para a infancia con autismo" é a súa expansión e transferencia a outras probas de diagnose, servizos e áreas sanitarias. A través deste modelo que require un investimento reducido pódese avanzar cara a unha asistencia sanitaria máis accesible e adaptada ás necesidades das persoas autistas. Para progresar nesta senda, a Federación xa traballa co Servizo Galego de Saúde en proxectos análogos noutros servizos. 

Desde Autismo Galicia queremos agradecer este premio a AETAPI e especialmente ás familias e ás crianzas. Tamén ao equipo da Unidade de Neurofisioloxía Clínica Pediátrica do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, e á súa xefa de servizo, Catia Martínez, pola súa implicación e disposición. Ademais de a todos os profesionais sanitarios que fixeron posible unha atención accesible. 

Na Federación Autismo Galicia cremos firmemente que cando os principios de accesibilidade se cómpren, deixan de ser un engadido e convértense en calidade asistencial.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias