El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Lucas Ricoy
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Besteiro: "O compromiso firme dos socialistas contra a violencia machista e contra os que queren recortar os dereitos das mulleres"

25-11-2026 13:43:33
José Ramón Gómez Besteiro (c).

REDACCIÓN | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou hoxe en Burela que a autovía A-74 da Mariña poderá licitarse en 2027, "despois de todos os fiascos dun Partido Popular que non fixo absolutamente nada nesa infraestrutura". Fíxoo nunhas declaracións aos medios na recta final da campaña das xerais do 29 de novembro, xunto á cabeza de lista do PSOE ao Congreso por Lugo, Patricia Otero, e á presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López. 

Coincidindo co 25N, Besteiro abriu a súa intervención reafirmando "o compromiso firme dos socialistas contra a violencia machista e contra os que queren recortar os dereitos das mulleres", e de aí pasou ao futuro da comarca, empezando por Alcoa. 

O líder dos socialistas galegos reivindicou o papel dos socialistas no acordo de viabilidade da planta de San Cibrao. "Fomos o único partido que sostivo ese acordo entre empresa e traballadores fronte a outros partidos que miraban para outro lado", afirmou. Lembrou o apoio do Goberno de Pedro Sánchez á continuidade da fábrica e volveu pedir que comece canto antes a construción do forno de cocción de ánodos, para o que o Executivo concedeu 40 millóns de euros do PERTE de Descarbonización e que, segundo dixo, "vai mellorar moitísimo a eficiencia e a viabilidade económica da empresa".  

Comprometeuse a apostar pola eficiencia enerxética e por unha enerxía "máis barata, máis limpa", pero tamén lle esixiu á multinacional que cumpra os acordos asinados. "Queremos un compromiso firme da empresa co futuro e un goberno que sexa capaz de garantir ese futuro", sinalou. "E eu creo claramente que o único que pode garantir esa posición é un goberno socialista". 

Sobre a A-74, asegurou que "o ano 27 será o do impulso" da autovía e atribuíu o avance a que o Goberno salvou "todas as dificultades que tiñamos polo camiño durante os anos en que o Partido Popular non impulsaba esa infraestrutura". O Ministerio de Transportes aprobou en xuño, de forma definitiva, o proxecto de trazado do tramo entre O Carme e Barreiros, o primeiro da autovía. Pechou cunha promesa para despois do domingo: un goberno que garanta "non soamente catro anos máis, senón un bo futuro sostible para a Mariña lucense". 


Patricia Otero 

"Este 29 de novembro tamén se xogan o seu futuro os nosos autónomos", advertiu despois Patricia Otero, que lembrou as medidas aprobadas onte polo Consello de Ministros, cunha rebaixa do IRPF de 465 millóns de euros para 2,6 millóns de traballadores por conta propia e unha soa declaración anual de IVE para quen facture menos de 85.000 euros. En Galicia hai máis de 205.000 autónomos, e moitos dos beneficiados "van ser da nosa provincia e tamén da nosa comarca, da comarca da Mariña", sobre todo os do rural e os propietarios de pequenos comercios. 

"Hoxe que estamos aquí en Burela, o 29 de novembro tamén se xoga o futuro do sector pesqueiro", continuou Otero, para quen fai falla "un goberno forte con voz propia dentro das institucións comunitarias". Como exemplo puxo o acordo pesqueiro entre a Unión Europea e Mauritania, desbloqueado o pasado luns tras expirar o anterior protocolo o 14 de novembro, e que beneficia tamén a barcos con base no porto de Burela. 

A negociación dos fondos europeos para a pesca está, segundo a candidata, nun momento decisivo, coa proposta da Comisión Europea de recortar de forma drástica o FEMPA no marco 2028-2034. Otero lembrou que a presidenta da Comisión e os comisarios de Agricultura e de Pesca pertencen ao Partido Popular Europeo, tamén o grupo máis numeroso da Eurocámara, e que por iso "teñen moita responsabilidade nese recorte". Os socialistas levarán propostas á Unión Europea para que eses fondos "cheguen dun xeito áxil ao noso sector do mar". 

O último aviso de Otero foi para o electorado progresista, ao que lembrou que "é fundamental focalizar o voto progresista na nosa provincia no Partido Socialista, porque somos os únicos que temos posibilidades de conseguir un novo deputado nesta provincia". "Estamos nun ti a ti co Partido Popular, estamos moi pretiño de quitar ese terceiro escano que teñen a día de hoxe. Hai que votar con cabeciña." Nas xerais de 2023, o PP levou tres dos catro escanos de Lugo e o PSOE, un. 


Carmela López  

Carmela López tomou a palabra "en nome de todas as compañeiras e compañeiros da Mariña", unha comarca que, dixo, se sentiu esquecida "moitísimas veces" durante anos ata que "grazas a un goberno socialista" se "desempoou ese expediente da A-74". A alcaldesa recoñeceu que "a débeda era histórica" e pediu confianza, porque "só vai ser un goberno socialista o que sexa capaz de continuar, de poñer o primeiro centímetro desa comunicación que é tan necesaria para a Mariña". 

Tamén reclamou a VAC Costa Norte, competencia da Xunta, que "agora mesmo é como un pseudoproxecto que non nos vai servir practicamente para nada". López defendeu que os socialistas son "críticos" e "autocríticos", que chaman e critican primeiro aos seus para que os proxectos avancen, e cargou contra un "Partido Popular que penso que non sabía que existiamos". Pechou cunha idea sobre a Mariña, "que é unha gran cidade de 70.000 habitantes, moi importante para a provincia de Lugo": "Somente un goberno socialista vai poder continuar con este proxecto para sacalo adiante".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias