Os festivais Son e Arte de Viveiro (Lugo), o Felipop de Fene (A Coruña), o FAX de Xinzo (Ourense) e Artenativa de Valga (Pontevedra) encabezan a proposta musical para a fin de semana nas catro provincias galegas. O Son e Arte de Viveiro arranca e prolongarase ata o vindeiro 18 de agosto. Nove días con concertos para todos os gustos, dende o folk, con Cristina Pato e Faltriqueira, ata Los Planetas e Macaco, sen esquecer a memoria musical viva máis recente, con Nacha Pop, Los Bravos e Fangoria. Elodio y los Seres Queridos e Los Planetas tocarán mañá na Praza Maior de Viveiro, mentres que o sábado soarán Backyard Babies, The Nomads e The Hot Dogs. Pecharán a fin de semana Fangoria e Ectoplasma. Outra das grandes citas é o FAX, Festival Alternativo de Xinzo, en Ourense, que comezará mañá e durará ata o sábado. Nel reuniranse mañá La Mala Rodríguez, Lamatumbá, Alamedaosoulna, A Compañía do Ruído e Kamandula. O sábado continuará o espectáculo con Muchachito Bombo Infierno, Josele Santiago, Galegoz, Orangotang e Ectoplasma. O prezo para asistir aos concertos é de 10 euros por día, coa posibilidade de abonarse aos dous días por 15 euros. Xa na Coruña, o Felipop arrinca este xoves en Limodre, no concello de Fene, con Combo Dinamo. A actividade intensifícase cara á fin de semana, co directo de Jonston, Big City, La Búsqueda e The Woodentops o venres, así como con Octubre, Dehra Dun, Los Imposibles e Señor Mostaza, o sábado. Baixo o lema 'A melodía e o que importa', o festival xurdiu no ano 1999 coa intención de crear un ambiente no que tiveran cabida unha serie de músicos que reivindicar e de rachar as barreiras entre músicos e espectadores. O Rock in Cambre desatará os espíritos máis marchosos con Dalai Lama, Los Ánima, Black Jack, Loquillo e Ruxe Ruxe. Será o sábado a partir das 21 horas no campo da feira de Cambre (A Coruña). A radio por internet pasa ao directo co festival On The Rocks, unha homenaxe á presentadora máis nova das ondas, Pepa Arán, de nove anos de idade. O festival celebrarase o venres en Carballo. Ao prezo de 5 euros poderá escoitarse en vivo a The Homens, Projecto Mourente e Franc3s, e unha sesión de pinchadiscos a cargo de Eme e Dj Fugaz. O pop galego terá o seu espazo no Festival Artenativa, que comeza tamén este venres no concello pontevedrés de Valga coas actuacións de Nadadora, Jogoplastika, Colectivo Oruga e Middle Brains. Para o sábado resérvanse Triángulo de Amor Bizarro, 6PM, The Homens, Noise Project e O Leo i Arremecaghona!!!. A un prezo de 0 euros poderá asistirse aos concertos, acampar, ir ao mercadillo e a mesas redondas e gozar de sesións de dj's. A Noite do Trasno levará a música á costa, concretamente a Cabo Udra, no concello pontevedrés de Bueu. Comeza hoxe con Los Pulseritas, Os Cempés, La Familia Iskariote e a banda de Pulpiño Viascón. Mañá chegará a quenda de Malas Pulgas, a Gran Treboada, el Congo Linga e Zënzar. Obradoiros, proxeccións, charlas, e unha ruta de sendeirismo completarán a oferta deste festival, que tamén dispón de zona de acampada gratuíta. Outras propostas O Courel acollerá o sábado a Festa Revolta en protesta contra a autorización de explotacións mineiras neste espazo protexido. Un roteiro de arte, proxeccións de documentais e actividades para os máis pequenos sucederanse ao longo do día. Xa pola noite, a eira de Froxán acollerá un espectáculo presentado por Astérix e Obélix, a 'Ultranoite', que contará coa presenza do Mago Romarís, Chévere, Os da Ría, Expo e o Último Urogayo, Os Cantos Rodados, Carlos Santiago, Clara Gayo e Pepa Yáñez. O humor tampouco fallará na Coruña, xa que hoxe comeza o VI Festival de Teatro Cómico Manicómicos. Ata o domingo, a Praza María Pita e o Obelisco serán o escenario para unha nova saga de cómicos con teatro de rúa e animacións. Manic Freak, Circo Culipardo, Circanelo, Casi Que Si, Ashfán III, Circonchita, Divino Malabar e Manitroupe serán algúns dos encargados de facer rir a todo quisque antes de que algún poida lembrar que ao día seguinte volve ao traballo.