A Fundación Xosé Neira Vilas presentou no Club Internacional de Prensa a IV convocatoria do premio de poesía infantil en lingua galega "Arume", dotado con mil euros, coa fin de fomentar a creación lírica dirixida á poboación escolar. Nela poderán participar persoas de calquera nacionalidade que presenten textos inéditos escritos en galego antes do 31 de outubro. Os textos deberán conter un mínimo de 350 versos e serán valorados por un xurado presidido polo escritor Xosé Neira Vilas. Ademais da dotación económica do galardón, que se entregará o vindeiro mes de decembro, o orixinal premiado será publicado pola editorial Ediciós do Castro como se veu facendo até o de agora. Este galardón, que se concede cada dous anos alternando co premio 'Estornela' de teatro para nenos, "ten no seu palmarés escritores consagrados das letras galegas" como indica o membro do Padroado da Fundación, Valentín García. Entre eles atópanse nomes como os de Xosé María Álvarez Cáccamo ou Helena Villar Janeiro. A iniciativa, coordinada polo propio Neira Vilas, e a súa dona, a tamén escritora Anisia Miranda, encádrase nun proxecto moito máis amplo como é a Fundación Neira Vilas, un centro cultural ubicado na parroquia de Gres no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Dinamización do rural A Fundación organiza diversas actividades como teatro para nenos, marionetas, concertos ou exposicións e conta cunha biblioteca aberta ao público todas as tardes de luns a sábado. Ademais, todos aqueles que visiten a casa poderán admirar as máis de 300 pezas que compoñen o museo etnográfico. Valentín García destacou o labor que desenvolve a Fundación que definiu como un "proxecto estrela" que amosa até que punto é importante levar a cultura ao medio rural. Asimesmo, defendeu a necesidade de dotar os pequenos núcleos de poboación "dunha atención nos aspectos asociativos, lúdicos e culturais, igual que os que se poden ter nas cidades". García referiuse tamén a influencia que está a ter a fundación no aumento do nivel cultural e de formación dos veciños da parroquia de Gres que "fixo subir motísimo o índice de universitarios en toda a comarca".