El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Atopan en Boiro un fragmento de perfumario fenicio no Castro Grande de Neixón

10-08-2007

Un equipo de arqueólogos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) atopon un fragmento de perfumario fenicio nas excavacións do Castro Grande de Neixón, en Boiro (A Coruña). Trátase da cuarta peza deste tipo achada no noroeste peninsular e proba a existencia de "extensas redes" de intercambio entre os pobos do Mediterráneo e o norte da Península dende hai máis de 2.500 anos. O fragmento atopado, de cor azul escura con festóns brancos, está realizado en pasta vítrea sobre un núcleo de area e arxila e encádrase entre os séculos V e III antes de Cristo. Malia o seu pequeno tamaño, uns dous centímetros, o material é de "grande relevancia científica", a xuízo do responsable da investigación, Xurxo Ayán, do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Segundo os expertos, a peza foi elaborada por artesáns de fóra da península, probablemente cartaxineses ou gregos. Así, a zona da punta de Neixón, co Castro Grande e o Castro Pequeno, pode considerarse como enclave comercial central do Barbanza. O perfumario chegou ao noroeste peninsular "seguramente" como consecuencia do primeiro grande episodio comercial entre os pobos mediterráneos e as comunidades indíxenas castrexas, acompañada doutros materiais como ánforas, pratos de borde pintado e askós -botixo con asas para servir o viño augado-, atopados tamén no xacemento, segundo sinalou Ayán. Na súa época, o perfumario debía ser un ben de prestixio para distinguir as elites castrexas, segundo indican o seu contido en aceites e esencias para baños e rituais e o seu exotismo, materia prima e acabado. O fragmento, atopado a finais da semana pasada, é a cuarta peza destas características aparecida no noroeste hispánico tralas de Cale, en Oporto; Castro das Ermidas, en Vila Nova de Familiçao, e o ayrballos fenicio achado en Castro de Neixón Pequeno nos ano 70, actualmente desaparecido.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias