O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, visitou na Coruña o Salón Internacional do Cómic que este ano celebra a súa X edición e eloxiou a calidade do certame ao destacar que se ten convertido nun "referente europeo" dentro do seu ámbito. Touriño referiuse tamén ao "moi alto nivel" da exposición nesta ocasión. Tras visitar as diferentes exposicións que alberga o Quisco Alfonso da Coruña, o máximo mandatario autonómico tivo algunhas palabras para o cómic galego. Loou a súa calidade e apostou por promover a consolidación en Galicia dunha industria editorial dentro deste sector. Durante a visita, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Comunicación, Fernado Salgado, o alcalde da Coruña, Javier Losada e o director do salón, Miguel Anxo Prado, o xefe do executivo galego puido contemplar os traballos de diferentes artistas do mundo do cómic. Ademais, tivo a oportunidade de coñecer a tres dos ilustradores de referencia desta X edición do certame, Yoshiriro Tatsumi, Jean Louis Tripp e Tim Sale, cos que conversou sobre as súas respectivas obras.