Sociedad
O obxectivo do salón continúa a ser a creación artística
20-08-2007
Se houbese que pintar a traxectoria do Salón Internacional do Cómic da Coruña Viñetas desde o Atlántico, o cadro incluiría a artistas internacionais, do talle de Yoshihiro Tatsumi ou Tim Sale, e aos autores galegos de cómic incluídos na exposición "Dez anos de BD galega". Así o ve Miguelanxo Prado, debuxante e director de Viñetas, que lembra que algúns autores recoñecidos hoxe, como David Rubín, Alberto Vázquez ou Antonio Seijas, "eran rapaces que viñan cunha carpeta baixo o brazo a ver orixinais de cómics por primeira vez na vida".
Hoxe, con varios premios e obras publicadas ás súas costas, esta xeración de autores conforma a época dourada da banda deseñada galega. Neste senso, Prado indica que o salón "foi a guinda do pastel que levabamos moitos anos cociñando". "Durante moito tempo foi un lume mantido exclusivamente nas mans dun grupo reducido de xente, e que alimentaron novos autores; pouco a pouco foron encaixando as pezas e comezou a falarse dunha banda deseñada galega", indica o autor de "Trazo de tiza". De aí xurdiron colectivos como Polaqia ou BD Banda, determinantes no pulo da novena arte.
En canto ao papel de Viñetas, Prado desbótao como causa da explosión da banda deseñada galega, se ben "foi a peza que faltaba no crebacabezas para que todo fraguase ben". Así, o festival abriu un dobre fluxo entre Galicia e o mundo no eido do cómic, xa que "permitiu que autores galegos puidesen saír fóra" e que dende Galicia puidesen ver de preto o traballo dos grandes nomes do mundo do cómic.
A filosofía cultural do Salón foi a cerna deste intercambio fructífero para Galicia. "O Salón de Barcelona é a máis importante cita comercial e editorial, onde se presetan as novidades editoriais; nós pensamos que era moi importante crear un salón que focalizase a creación artística, e ese segue a ser o seu obxectivo", mantén o director de Viñetas.
As exposicións son por tanto a peza central do certame, ata converterse na "máis importante exposición temporal sobre banda deseñada", xa que cada ano organiza entorno a unha quincena de exposicións que superan os mil orixinais pendurados.
O catecismo do salón coruñés reza que "non haberá exposición sen autor convidado nin autor convidado sen exposición", xa que un dos intereses principais de Viñetas é a posibilidade de relacionar a obra co seu artífice.
Interese crecente
Dentro deste afán didáctico, Viñetas fuxe da especialización para dar unha visión "o máis xeralista posible". Para Prado, o mellor refrendo desta intención é que cada ano visiten o salón unhas 70.000 persoas. Dentro desas cifras, que case duplican as da primeira edición, cabe de todo. Dende lectores asiduos de cómics a curiosos que se reencontran co xénero co que deron os primeiros pasos na lectura.
"Procuramos satisfacer a un público do medio e abrir portas a potenciais lectores, rescatar a lectores de cómic que ao medrar se afastaron do xénero". Así, nos últimos dez anos déronse cita en Viñetas tanto "nenos que se incorporaban de xeito natural ao cómic" como adultos "que foron descubrindo na banda deseñada un medio adulto de expresión", xa que a xuízo de Miguelanxo Prado, "todo o mundo pode atopar a parceliña que lle interesa".
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias