O número de galegos con máis de 60 anos de idade multiplicouse por catro dende mediados do século XIX. Así, na actualidade preto do 30 por cento da poboación que reside na comunidade supera esta idade, mentres que arredor do 1850 só o facía o 6,6 por cento dos galegos. Os datos proceden dun estudo que está a elaborar un equipo de investigación da Universidade de Santiago (USC) sobre a vellez en Galicia, no que se analizan as razóns do actual avellentamento poboacional e a súa evolución dende o século XIV até a actualidade. Se no século XIX os individuos maiores de 60 anos representaban en Galicia entre o 6% e o 7% do conxunto da poboación, nas décadas de 1930 e 1940 esta porcentaxe variaba do 9% ao 11%. No ano 1960 esta cifra acadou o 13% da poboación e en 2001 duplicouse ata o 26%. Hoxe, tres de cada dez galegos teñen máis de 60 anos. O coordinador do proxecto, o profesor Isidro Dubert, sinala que "a emigración, o aumento da esperanza de vida e a caída da natalidade" son algúns dos principais causantes do avellentamento da poboación. Asimesmo, advirte que o incremento da idade media dos galegos a terá fondas implicacións sociais, políticas, culturais e económicas. A pervivencia dunha estrutura económica incapaz de absorber e dar saída laboral aos galegos máis novos é outro dos factores do avellentamento. Así, aínda que cada vez hai máis xente que vive máis tempo, dáse unha perda importante de poboación na procura de traballo fóra da comunidade, declara Dubert, pertencente ao departamento de Historia Moderna da USC. O estudo pretente afondar tamén na importancia social e cultural dos maiores nas distintas fases da historia de Galicia. Tal como explica Dubert, ?que a finais do século XVIII houbese menos vellos, non significa que o seu peso na vida cotiá de Galicia fose pouco importante?. De feito, segundo os datos achegados polo equipo, en 1752 o 22% dos fogares no rural galego tiña ao seu fronte a unha persoa maior de 60 anos. Novas migracións Os investigadores opinan que se está a producir unha nova vaga migratoria, que afecta á xente máis nova e que contribuirá a agravar o avellentamento poboacional. O profesor Dubert indica que "xa é común que a poboación máis cualificada emigre cara aos grandes centros urbanos como Madrid, Barcelona ou Valencia", ou mesmo ao estranxeiro. O profesor advirte que ?a emigración é un lastre para o desenvolvemento demográfico, social, económico e cultural dun país?. Opina que é moi probable que esta situación se agrave no futuro, xa que ?en Galicia existe un problema económico de fondo non resolto pola recente terciarización da economía". O estudo "xorde dunha reflexión sobre a situación social e demográfica que se vive hoxe en Galicia", e nel participan historiadores, sociólogos e xeógrafos da institución académica compostelá, sinalan os seus autores.