Sociedad
A volta ao "cole" marca o inicio da programación teatral infantil
21-08-2007
A Fundación Caixa Galicia vén de presentar a programación que levará ao Teatro Colón da Coruña nos meses de setembro e outubro e no que destacan disciplinas pouco habituais nos escenarios galegos, o flamenco e o ballet. E estarán representados por dúas grandes figuras: Diego el Cigala e a compañía de María Giménez.
Diego el Cigala visitará a cidade herculina a finais de outubro para presentar 'Dos lágrimas', un novo disco no que o cantaor volve rodearse dalgúns dos mellores músicos de jazz latino, tralo éxito que obtivo con Bebo Valdés co disco 'Lágrimas negras'.
No concerto que ofrecerá o día 26 de outubro, el Cigala deleitará aos afeccionados algúns dos maiores clásicos da canción, como 'Dos gardenias', 'María de la O', ou 'Compromiso', entre outros, e contará co veterano pianista cubano Guillermo Rubalcaba.
Nese mesmo mes, o Teatro Colón acollerá a actuación dun dos ballets máis aclamados do repertorio clásico, a 'Giselle', interpretada pola compañía de María Giménez, unha das máis importantes da danza clásica en España.
Cun corpo de baile formado por unha ducia de bailaríns e seis solistas, a compañía ofrecerá os días 5 e 6 de outubro na Coruña un espectáculo co que triunfou en todo o mundo.
Teatro
O comezo do curso escolar suporá o arranque de actividades para nenos no teatro coruñés, co teatro infantil como protagonista. Tralo éxito do ciclo anterior, con todas as localidades vendidas en todas as funcións, prográmanse para este outono obras destinadas aos máis pequenos: 'Juguetes' e 'La Bella y la Bestia'.
Para o público máis adulto, representarase os días 28 e 29 de setembro 'Como abejas atrapadas en la miel', unha obra de Douglas Carter, dirixida por Esteve Ferrer e cun reparto de caras coñecidas, como Luisa Martín, Félix Gómez ou José Luis Martínez.
A programación para os dous vindeiros meses complétase con dous recitais das dúas grandes orquestras galegas. O día 13 de setembro será a quenda da Orquesta Sinfónica de Galicia, mentres que o día 18 de outubro, actuará a Real Filharmonía de Galicia.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias