Uns 300 artistas e escritores xa se sumaron á solicitude de declaración do norte de Galicia como Patrimonio Cultural Europeo, segundo informou Fernando Puente, da asociación cultural "Ao carón da lareira", promotora da iniciativa. O colectivo cultural vén de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas que se prolongará durante os próximos tres meses co obxectivo de presentar unhas 3.000 sinaturas ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e á conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, para que estes trasladen a petición ao Goberno central. Pola súa banda, Cultura ten previsto volver a presentar en novembro as candidaturas do Camiño de Santiago, a cultura castrexa e as fortalezas fronteirizas con Portugal para obter a mesma distinción que recibiu Fisterra o pasado mes de marzo. A proposta de "Ao carón da lareira" pide o recoñecemento internacional para o patrimonio material e inmaterial da Galicia do Norte, entre a desembocadora do río Eume á desembocadura do río Eo, e inclúe concellos como Mondoñedo, Ferrol e outras localidades colindantes. A solicitude responde á "riqueza histórica cultural da zona", inzada de construcións relixiosas, celtas e contemporáneas e doutras manifestacións culturais. "Ao carón da lareira" xa está xestionando o apoio do Concello de Mondoñedo e Ferrol e de distintas formacións políticas, xa que a declaración de Patrimonio Cultural Europeo beneficiaría a zona grazas á "protección e axudas para o desenvolvemento", ao "incremento do turismo" e á "potenciación de actividades que se están perdendo", a xuízo do representante da asociación. Declaracións compatibles Dende o colectivo, consideran que a petición da declaración do Norte de Galicia como Patrimonio Europeo "non é incompatible" coa candidatura de Ferrol á Patrimonio da Humanidade. "A solicitude de Ferrol refírese ao conxunto formado polos castelos da ría de Ferrol e do Arsenal Militar", segundo lembra Puente, mentres que a súa reclamación se refire ao patrimonio "tanxible e intanxible dunha área máis estensa". Ademais considera que podería formar parte da candidatura galega que a Consellería proporá o vindeiro mes de novembro, xa que responde a criterios similares, como a existencia de castros e o paso do Camiño de Santiago pola zona.