O blog do simposio internacional "Pobre mundo rico" e a web do Club Internacional de Prensa, organizador do evento, recibiu preto de 155.000 consultas nos primeiros 22 días de agosto, cunha media de 200 visitas diarias. Segundo informou o Club de Prensa nun comunicado, as visitas proceden de 55 países do mundo, principalmente de Europa (21) e América Latina (20), aínda que tamén se rexistran entradas dende África (3), Asia (7), Oceanía, América do Norte ou Oriente Medio. Isto amosa o interese existente arredor da pobreza e desigualdade no mundo, mesmo no período vacacional. No simposio, que se desenvolverá en Galicia entre o 2 de outubro e o 29 de novembro, daranse cita boa parte das máis destacadas personalidades no ámbito do coñecemento e a loita contra a pobreza e a desigualdade no mundo dende distintos campos temáticos. O encontro servirá para analizar os factores que inciden na pobreza e na desigualdade na que vive o 40 por cento da poboación mundial. A práctica totalidade das inscricións enviadas ata agora proveñen da comunicación por rede e cunha salientable presenza latinoamericana. Os estudantes das universidades galegas contarán con crédito de libre configuración por asistir ás actividades de "Pobre Mundo Rico", consistentes en mesas-debate, conferencias e proxeccións audiovisuais nas sete principais cidades galegas. Organizado polo Club Internacional de Prensa, dependente da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, conta coa colaboración da Obra Social de Caixanova, ademais da dirección xeral de Cooperación Exterior, e as Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.