Sociedad
27-08-2007
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de incorporar na súa web 'www.xunta.es/linguagalega' novos recursos dixitais en galego. Coincidindo co inicio do curso escolar, o espazo web inclúe un novo apartado, a volta á escola, no que se lle proporciona ao usuario a descarga de diverso material de utilidade en lingua galega, como etiquetas para a identificación dos cadernos e libros, ou un horario escolar para cubrir polo interesado.
Así mesmo, co obxectivo de facilitar o uso do galego en todos os ámbitos da vida cotiá, a web pon á disposición do internauta outros recursos dixitais destinados ao sector do comercio e á poboación infantil e adulta, en xeral. Carteis galeguizados de rebaixas, descontos, liquidación por peche ou reformas, así como sinais de prohibición de fumar ou de zonas habilitadas para o consumo de tabaco poden ser descargados desde esta páxina.
Ademais, a web de Política Lingüística proponlles aos máis pequenos ideas para o seu lecer, entre as que se atopan dar os primeiros pasos na cociña con receitas sinxelas, ou celebrar unha boa festa para os amigos, coa posibilidade de descargar convites dos Bolechas. Tamén se ofrece a opción da descarga de postais de felicitación en galego.
Porta de acceso á cidadanía
A páxina web da secretaría xeral é unha "porta de acceso diaria" para centos de usuarios interesados por obter unha completa perspectiva da lingua galega e acceder aos servizos que ofrece a Administración autonómica en materia lingüística. As convocatorias de formación e de axudas ou o asesoramento lingüístico son os contidos que suscitan maior interese entre os internautas, de feito, rexistran a maioría das visitas.
O departamento que dirixe Marisol López conta ademais cun boletín de noticias electrónico, 'Novidades da Lingua Galega', con toda a actualidade quincenal que xera a secretaría. O boletín ten xa 400 subscritores.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias