El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Cultura declarará Ben de Interese Cultural os 20 castros máis sobranceiros de Galicia

Ata agora, só Elviña e Santa Tegra gozan deste nivel de protección

31-08-2007

A Consellería de Cultura declarará Bens de Interese Cultural (BIC) os 20 castros máis sobranceiros de Galicia para outorgarlles o maior grao de protección. Nos vindeiros días comezarán os traballos de prospección arqueolóxica para obter toda a información necesaria. Ata o de agora, os castros propostos figuran como bens inventariados, a excepción dos castros de Elviña, na Coruña, e de Santa Trega, na Guarda, que xa goza do maior nivel de protección. De entre os arredor de 5.000 castros espallados por toda Galicia, seleccionáronse 20 que cumpren requisitos de conservación, monumentalidade e calidade de rexistro arqueolóxico. Trátase do Castro Punta dos Prados de Ortigueira, da Cidá de Borneiro de Cabana de Bergantiños, do Castro de Baroña de Porto do Son, Castro de Neixón en Boiro e Castro Lupario, situado entre Rois e Brión, todos eles na provincia da Coruña. En Lugo, serán declarados BIC os castros de Fazouro, en Foz; o Castro de Viladonga, en Castro de Rei; o Castro de Santa María do Castro, de Cervantes; Castromaior, de Portomarín; Castro de Vilar e Castro da Torre, en Folgoso do Caurel. Ourense contará co Castro de San Cibrao de Las, en San Amaro e Punxín; o castro e a vila romana de Santomé; Castromao, en Celanova; Coto do Mosteiro, no Carballiño, e o Castro de Saceda e o de San Millán, en Cualedro, como posibles Bens de Interese Cultural. Por último, en Pontevedra, tres castros optan á declaración de protección especial: o Facho de Donón, en Cangas; o Castro de Troña, en Ponteareas, e o Castro de Penalba, en Campo Lameiro. Investigación completa Nos vindeiros días comezarán os estudos necesarios para definir e delimitar os castros e os seus contornos de protección para iniciar os trámites para obter a declaración de BIC de forma individualizada. Neste labor, a Consellería invetirá 37.200 euros. Os traballos incluirán prospeccións arqueolóxicas intensivas tanto de xacementos arqueolóxicos como dos seus contornos. A actuación abranguerá a zona incluída dentro das estructuras defensivas do xacemento e a súa área exterior inmediata. Así mesmo, o traballo de campo incluirá o rexistro de microtoponimia, das tradicións, das lendas e de todo o material etnográfico que teña que ver cos castros analizados. A investigación atenderá tamén ao seu estado de conservación e aos riscos e ameazas aos que se pode enfrontar. O traballo completarase coa busca de datos en arquivos e fontes bibliográficas. Deste xeito, se poderá recabar información completa e individualizada de cada un dos castros mencionados para poder elaborar os proxectos de declaración de BIC. Coa información recabada, Cultura elaborará unha proposta de delimitación de cada un dos castros e o do seu contorno, definindo o tipo de protección.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias