El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Os "Espazos CDG" estenderanse a 12 concellos para prestar apoio á cultura de base

"Noite de Reis" de Quico Cadaval abrirá la temporada "de la ciudadanía"

12-09-2007

O Centro Dramático Galego (CDG) inicia un novo proxecto de colaboración cos concellos galegos para prestar apoio á cultura de base e ao tempo achegar o teatro público a distintos puntos da comunidade. Nesta primeira fase adheríronse un total de 12 concellos -A Coruña, Ribadeo, Burela, Ferrol, Narón, O Barco, Ourense, Pontevedra, Tui, Vilagarcía e Vigo-, nos que se distribuirán as pezas do CDG e se realizarán distintos labores de difusión das artes escénicas. Ao tempo, o CDG prestará atrezzo aos grupos locais, ofrecerá xornadas técnicas e asesoramento profesional e organizará visitas ao Salón Teatro para asistir a determinadas funcións. "O CDG non é unha cousa unicamente para a capital ou para as elites", matizou a directora da compañía pública durante o acto de presentación da nova tempada, denominada "A temporada da cidadanía". A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, indicou neste acto a "necesidade" deste tipo de propostas, que cualificou como "unha das máis innovadoras" do CDG. Amais de Bugallo, acompañaron a Domínguez algúns dos responsables dos departamentos locais de Cultura implicados e os protagonistas desta nova etapa, que volverá a apostar pola "interdisciplinariedade" e a creación contemporánea. Así, para este novo curso, a compañía pública encara tres novas producións propias. A primeira delas, 'Noite de Reis. Ou o que queirades', unha adaptación da obra de Shakespeare a cargo de Quico Cadaval, estrearase o vindeiro 28 de setembro no Salón Teatro, onde permanecerá ata o 21 de outubro. Cadaval, presente no acto, expresou o seu desexo de atopar "público libre, voluntario e participativo", xa que "é para eles para quen traballamos, non para a Xunta". Xa en febreiro, representarase con monicreques a exitosa obra para adolescentes 'Valdemuller', de Xosé Antón Neira Cruz. O encargado de mover os fíos será o arxentino Pablo Vergne, recoñecido no plano internacional, considerado "especialista e renovador" no teatro de monicreques, que volve ao teatro público cunha proposta arriscada. Completarase a tríada de producións do CDG da tempada 2007-2008 en maio con 'DramA3', a cargo dos autores residentes deste ano: Rubén Ruibal, Jacobo Paz e Vanessa Sotelo, guiados polo director ourensán Dani Salgado. 'DramA3' porá así unha "nova xeración en escena", segundo anunciou hoxe a directora do CDG, que pretende "investir en novos talentos". Co-produción 'Cascuda', de Diego Anido, será a coprodución do ano, coa que a institución pretende "apoiar proxectos artísticos sen unha saída comercial moi grande" pero "cunha proposta artística e de investigación de alto nivel". Anido presentará en maio unha proposta que rompe coas fronteiras das disciplinas escénicas, que se achega á performance. O autor galego residente en Barcelona ofrecerá a visión do animal, sometido a desprezo e capaz de observar a vida humana dende os lugares máis secretos. O centro dramático continuará co Centro de Creación Dramática Contemporánea inaugurado na anterior tempada. Así, seguirá o obradoiro de 'Pistas para unha dramaturxia de actualidade', dirixido por Cándido Pazó. Ao tempo, iniciarase un laboratorio de I+D+i en artes escénicas dirixido por Kònic Thtr, formado pola coruñesa Rosa Sánchez e por Alain Baumann, en colaboración coa Universidade de Santiago e co apoio da Consellería de Industria. Baixo o título "A escena aumentada: Galicia, dramaturxia, coreografía e linguaxes de comunicación audiovisual interactiva", o proxecto pretende estudar a relación da escrita escénica coas linguaxes audiovisuais.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias