Sociedad
14-09-2007
Os xornalistas Javier Monjas e María Yañez impartirán a partir do 1 de outubro obradoiros para acadar "a excelencia blogueira". Os obradoiros de 'creACCIÓN INFORMATIVA' foron presentados no Club Internacional de Prensa pola presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, María Dolores Rodríguez Amoroso, organizadora da iniciativa, e por Monjas.
O obxectivo desta actividade é, segundo os seus artífices, que os profesionais da información estendan entre os blogueiros algunhas das súas ferramentas para acadar unha "semiprofesionalización", o que constitúe "un proxecto pioneiro no Estado".
Deste xeito, o Consello da Xuventude pretende que aumente o número de blogs de referencia dentro do seu eido. Nesta liña, cabe destacar 'Periodistas21' do betanceiro Juan Varela; 'Edans', do coruñés Enrique Dans; 'Brétemas', do editor vigués Manuel Bragado, ou 'Microsiervos', un dos blogs de maior prestixio no que paricipa o coruñés Javier Pedreira (Wicho).
As aulas poderanse seguir entre os días 1 e 4 de outubro, así como entre o 8 e o 11, en horario de 16.00 a 20.00 horas, nas aulas do Centro Multimedia de Galicia en Santiago, Lugo, Ourense, Vigo, Boiro, Verín e Burela.
O prazo de solicitudes abrirase a vindeira semana e a admisión realizarase por orde de inscrición. A matrícula será gratuíta, grazas a que conta cun orzamento de 15.000 euros, coa subvención da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia.
Obxectivos
Monjas aplaudiu o proxecto do Consello da Xuventude e criticou que a blogosfera española está "presidida por un problema grave", como é a "polarización de opinións que teñen como referente os grandes medios de comunicación", polo que se converten en "apéndices das grandes opinións". Contra isto, o xornalista aposta por "una participación mayor" en termos de "excelencia e especialización" que forneza o xornalismo cidadán e que impriman na blogosfera galega o selo de 'Galiciablog calidade'.
Entre os contidos dos obradoiros figuran a organización, contextualización e recollida de información, os xéneros xornalísticos, a información tecnolóxica en internet e a presentación en profundidade. Yáñez encargarase fundamentalmente dunha parte práctica de distribución online para persoas con preparación técnica reducida, segundo explicou Javier Monjas.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias