El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Xunta envía ao Ministerio as candidaturas da Torre de Hércules e do Ferrol da Ilustración a Patrimonio da Humanidade

A Ribeira Sacra, os Ancares e o Camiño Primitivo, pendentes de delimitación

17-09-2007

A Consellería de Cultura enviou ao Ministerio toda a información necesaria para que a Torre de Hércules e o Ferrol da Ilustración poidan ser candidatas á declaración de Patrimonio da Humanidade. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, presentaron as candidaturas a Patrimonio da Humanidade da Torre de Hércules e do Ferrol da Ilustración, no Museo de Belas Artes da Coruña e na delegación da Xunta en Ferrol, respectivamente. O dosier remitido á Administración central destaca o feito de que a Torre de Hércules sexa o único faro romano que segue activo en todo o mundo, así como aspectos técnicos e históticos das construcións de Ferrol do século XVIII e polos que ao seu xuízo, deberían ser declaradas Patrimonio da Humanidade. As candidatas galegas, que xa figuran dende o ano 2006 na listaxe provisional do Ministerio xunto ao Camiño Primitivo, e das que finalmente se presenta agora a documentación, deberán competir cunha vintena de propostas doutras autonomías. Entre o 10 e o 11 de outubro, as comunidades autónomas e o Ministerio reuniranse no Consello de Patrimonio Histórico Español, que seleccionará a escolma que España presentará á UNESCO. Contra o vindeiro verán, o Comité do Patrimonio da Humanidade dará a coñecer en Canadá os bens que recibirán o máximo recoñecemento. As outras alternativas galegas propostas como posibles Patrimonio da Humanidade -a Ribeira Sacra, o conxunto dos Ancares galaico-leoneses e das Brañas galaico-asturianas, e os Camiños do Norte e Primitivo a Santiago- están pendentes de delimitación e de estudos máis concretos para poder afondar na súa candidatura, segundo informou a Consellería nun comunicado. Máis de dez anos de candidatura Na súa visita á Coruña, Ánxela Bugallo apoiou publicamente a candidatura da Torre de Hércoles a Patrimonio da Humanidade, acompañada por Felipe Arias e o director da cidade en Funcións, Henrique Tello. O monumento leva xa máis dunha década presentando a candidatura a Patrimonio da Humanidade co empeño do Concello da Coruña. Desta vez, conta co apoio do ministro de Cultura, César Antonio Molina, que xa expresara a súa colaboración coa candidatura do símbolo coruñés no encontro que mantivo o pasado mes de agosto co alcalde da cidade, Javier Losada. Construída no século II, a Torre de Hércules é o único faro romano do mundo que continúa activo e, malia que a fachada actual é froito dunha restauración levada a cabo no século XVIII por Eustaquio Giannini, mantén unha parte importante da construción orixinal. Na documentación presentada, a Consellería salienta ademais que Hércules supón "un testemuño único" das torres de sinalización marítima levantadas polas antigas civilizacións, así como da tecnoloxía maritítima e das técnicas construtivas do Imperio romano. A Ilustración en Ferrol Bugallo e Arias presentaron tamén en Ferrol a candidatura do Ferrol da Ilustración a Patrimonio da Humanidade, xunto ao alcalde da cidade, Vicente Irisarri, e á concelleira de Patrimonio, Mercedes Carbajales. No acto, suliñouse a importancia destes bens como exemplo de integración da arte e da ciencia mundial do século XVIII. O conxunto proposto ao Ministerio para a súa consideración de cara á UNESCO, recolle a xeografía da ría de Ferrol, cunha unidade temporal dos seus proxectos que comeza na segunda metade do S.XVIII e que se prolonga ata o XIX, e cunha unidade estética no seu estilo e tecnoloxía académicos. O seu esquema corresponde coa cidade portuaria ideal do clasicismo ao constar dun porto-arsenal, dunha área residencial e das construcións defensivas. En canto á zona do Arsenal, hai que distinguir o da Armada Española e o Civil cos seus respectivos diques. Na área da Cidade-Praza Forte, o seu exemplo máis destacado é o barrio da Magdalena, estructurado nunha retícula de seis rúas lonxitudinais e nove transversais con dúas prazas nos extremos nas que desembocan as tres rúas principais, un novo modelo urbán, único en Galiza que fai de Ferrol unha cidade produto da Ilustración, segundo indica a Consellería. E por último, o Ferrol da lustración tamén acolle as edificacións de defensa construídas ao longo da Ría e Costa Exterior como o Castelo de San Felipe, o Castelo da Nosa Señora da Palma ou a Batería de San Cristovo. En total son máis de 50 construccións de arquitectura e enxeñerías portuarias e militares ás que hai que engadirlles un gran patrimonio moble constituído por máis dun millar de documentos e planos da época.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias